Escoitar

A presenza en Vigo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial é unha "vía directa de canalización de proxectos con Bruxelas"

Así definiu este martes o alcalde de Vigo a constitución na cidade da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), que converte a Vigo no "corazón da Eurorrexión" Galicia Norte de Portugal. Segundo os datos facilitados por Abel Caballero, a Agrupación xestionará na cidade en torno a 200 proxectos, moitos deles "ligados a Vigo", e tramitará 97 millóns de euros de fondos comunitarios.

martes, 23 set 2008
O alcalde, Abel Caballero, valorou como "moi importante para a cidade" o establecemento en Vigo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) das rexións de Galicia e o norte de Portugal, constituída onte por ambos gobernos en Santiago de Compostela, xa que é unha "vía directa de canalización de proxectos entre Vigo e Bruxelas", sen intermediarios.

O edificio municipal do Areal acollerá á Agrupación, o que ratifica a Vigo como o "corazón da Eurorrexión", salientou o rexedor. É a terceira entidade destas características conformada en Europa e a primeira da Península Ibérica, explicou, e arranca co mandato de xestionar os fondos comunitarios da Unión Europea no período 2007-2013.

Destes fondos, afirmou o rexedor, pasarán pola sede viguesa da AECT 97 millóns de euros. Ademais, hai ata o de agora uns 200 proxectos presentados, detallou Abel Caballero, dos que moitos deles están "ligados a Vigo", en sectores como a automoción ou a investigación mariña.

O mandatario vigués indicou que a Agrupación precisará de "cinco ou seis despachos" para os seus funcionarios e apuntou que o establecemento definitivo depende de que Portugal designe ao seu director.

Auditorio e Peinador
Abel Caballero informou asemade das datas ofertadas polo arquitecto César Portela para a presentación dos proxectos executivos do Auditorio e da nova terminal do aeroporto de Peinador.

O 5 de outubro é a data na que Portela e o seu equipo presentarán o proxecto do Auditorio, paso previo á aprobación polo Goberno local do mesmo e ao inicio da cimentación, segundo explicou o alcalde.

O "novo aeroporto de Vigo" verá a presentación do proxecto de execución da nova terminal o 17 de decembro, para posteriormente proceder a súa licitación e contratación da obra. Abel Caballero estima que en 2009 poderían estar contratados os traballos.

600.000 euros en saneamento
O goberno local aprobou, tal e como deu conta o rexedor vigués, o investimento de máis de 620.000 euros para acometer obras de saneamento nas parroquias de Bembrive, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Saiáns.