A programación municipal de teatro para adultos continúa mañá coa representación de "Sempre ao lonxe"

xoves, 13 mar 2008

Coa obra "Sempre ao lonxe", interpretada pola compañía Mofa e Befa, continúa mañá, 14 de marzo, a programación estable de teatro para adultos para o primeiro semestre de 2008, posta en marcha pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. As representacións, que terán lugar no Auditorio Municipal ás 21:00 horas, serán mañá e pasado, 14 e 15 de marzo.

Preto de 700 persoas visitaron a mostra "Artifex. Enxeñería romaña en España" dende a súa inauguración o pasado 27 de febreiro

xoves, 13 mar 2008

O gran interese que a mostra "Artifex. Enxeñería romana en España" ten despertado no público vigués amósase no feito de que dende a súa inauguración o pasado 27 de febreiro e ata o 11 deste mes de marzo foron 675 persoas as que se achegaron ao Museo de Castrelos para coñecer o legado técnico da enxeñería romana a través das súas innovacións e logros en diversos ámbitos.

Os autobuses de Vitrasa levan desde este xoves a obra de Laxeiro

xoves, 13 mar 2008

A presentación do Museobús, iniciativa de Vitrasa e da Fundación Laxeiro, contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Xesús López. O obxectivo do proxecto é achegar a obra de Laxeiro aos cidadáns e visitantes de Vigo. Dous dos autobuses levarán rotulada a obra do pintor tamén no exterior dos mesmos.

A exposición de Darío Basso "Algoritmi dixit" inaugúrase mañá na Casa das Artes

xoves, 13 mar 2008

A Casa das Artes acolle dende mañá 14 de marzo e ata o vindeiro 13 de abril a exposición "Algoritmi dixit", do artista Darío Basso. Trátase dun proxecto integrado por unha instalación que envolverá o patio interior da Casa das Artes e dous vídeos con música de instrumentos exipcios (nay), ademais de imaxes do proceso pictórico levado a cabo polo artista galego, ocupará un contorno expositivo que desaparecerá baixo unha tonelada de pintura que o cubrirá por completo.

A exposición "Entre teas da Reconquista" inaugúrase mañá na Casa Galega da Cultura

mércores, 12 mar 2008

No limiar do Casco Vello e ás portas da festa da Reconquista de Vigo, a Casa Galega da Cultura acolle dende mañá 13 de marzo e ata o vindeiro 6 de abril a exposición "Entre teas da Reconquista", integrada por pinturas do artista Xabier Lemos e traxes do obradoiro de Patricia González. A inauguración desta mostra, prevista ás 20 horas, enmárcase no conxunto de actos programados con motivo da festa Reconquista deste ano.

Vinte artistas explorarán a súa relación coa natureza en "Paraísos Indómitos"

venres, 7 mar 2008

"Paraísos Indómitos", unha coprodución do MARCO e o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, abordará a partir deste venres no museo vigués a relación do ser humano coa natureza. Vinte artistas de diversas procedencias explorarán nesta exposición a súa relación coa terra na que habitan, operando con diferentes puntos de vista, dende a visión romántica ao testemuño documental, dende unha concepción utópica ao activismo en defensa do medio natural.