O ungüentario volta a Vigo e pasa a formar parte da sección de Arqueoloxía do Museo do Mar

luns, 7 abr 2008

O ungüentario palestiniano, atopado nas obras de execución do túnel do Areal, ocupa desde hoxe un espazo na sección de Arqueoloxía do Museo do Mar de Galicia, ubicado en Alcabre. No acto de depósito da peza, que contou coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o alcalde da cidade, Abel Caballero, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, e o director do Museo, Pablo Carrera. A conselleira de Cultura e o director xeral de Patrimonio explicaron que o Museo do Mar reúne as características máis axeitadas para a súa correcta conservación e a súa función cultural e científica, por tratarse dunha peza vinculada aos contactos por vía marítima da Galicia antiga.

Presentado en Vigo o libro e dvd "A Volta dos nove. Arte e memoria"

venres, 4 abr 2008

A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu esta mañá a presentación do libro-cd "A Volta dos Nove. Arte e Memoria" impulsado polo Instituto de Estudos Miñoranos e que contou coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Vigo. A publicación lembra aos nove veciños do Val Miñor asasinados o 15 de outubro de 1936, na saída de Baiona cara a Baredo.

Exposición de Xurxo Lobato " Rostros da memoria"

mércores, 2 abr 2008

A Casa das Artes acolle do 3 de abril ao 4 de maio unha exposición de 45 fotografías e a proxecion de dous documentais do fotoxornalista Xurxo Lobato co título "Rostros da memoria". A mostra é unha galería de retratos plantexada como unha homenaxe aos represaliados e victimas da guerra civil e posguerra.<br />

A exposición "O himno. Os tempos son chegados" conmemora no Verbum o centenario do himno galego

martes, 25 mar 2008

O centenario da primeira interpretación do himno galego, que tivo lugar na Habana en 1907, é o eixo central da exposición "O himno. Os tempos son chegados" que dende hoxe e ata o vindeiro 27 de abril se pode visitar na Casa das Palabras. A mostra, que foi presentada polo concelleiro de Cultura, Xesus López, o secretario xeral de Relacións Institucionais de Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez-Lema, e o comisario da exposición, Miguel Anxo Seixas, e está integrada por dez paneis que levan por título versos do propio himno, composto pola música de Pascual Veiga e os versos de Eduardo Pondal.

Exposición: "O himno. Os tempos son chegados"

luns, 24 mar 2008

O museo Verbum – Casa das Palabras acolle do 25 de marzo ao 27 de abril a exposición temporal "O HIMNO. OS TEMPOS SON CHEGADOS", con motivo do centenario da interpretación do Himno Galego na Habana o 20 de decembro de 1907.

O ciclo "Vigo a Escena" continúa esta fin de semana con catro representacións en distintos puntos da cidade

venres, 14 mar 2008

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este venres a programación de teatro "Vigo a Escena" para o primeiro semestre do 2008, que continúa esta fin de semana con catro representacións en distintos puntos da cidade, como son o instituto Santa Irene, o Centro Cultural de Valladares, a Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos e a Asociación de Veciños San Xurxo de Saiáns, ademais das dúas funcións da programación estable de teatro municipal que terán lugar no Auditorio Municipal. Segundo o concelleiro nacionalista, que na presentación estivo acompañado polo responsable da programación de Artes Escénicas do Concello, Xerome Calero, deste xeito, a programación teatral organizada dende o Concello cumpre, o seu principal obxectivo de "descentralización cultural".

A Biblioteca Central pecha do 17 ao 23 de marzo por traballos de mantemento

xoves, 13 mar 2008

A Biblioteca Central de Vigo, ubicada na rúa Joaquín Yáñez, pecha as súas portas de xeito temporal dende o vindeiro luns 17 de marzo ata o día 23 para realizar traballos de mantemento. Segundo informa a dirección da biblioteca, estes traballos consisten na aplicación de tratamentos preventivos de pragas de insectos e roedores, de xeito que o luns día 24 reabriranse os servizos aos usuarios.