Escoitar

Última semana para visitar a exposición ‘SUSO FANDIÑO’ no Marco

A semana que vén é a última na que permanecerá aberta ao público a exposición de SUSO FANDIÑO, que se clausura o domingo 4 de xaneiro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Na exposición, Fandiño desenvolveu un proxecto baseado na marca Citroën e no modelo C4 Picasso.

venres, 26 dec 2008
1230300089marcofandino.jpg
Na súa proposta para o Espazo Anexo do MARCO, SUSO FANDIÑO (Santiago de Compostela, 1971) traballou a partir do contexto próximo, e dos elementos que os cidadáns identifican co seu ámbito. A fábrica que PSA Peugeot Citroën posúe en Vigo é, sen dúbida, un deses símbolos sen os cales non se entende a cidade. A partir de aquí, Fandiño desenvolveu un proxecto baseado na marca Citroën e no modelo C4 Picasso. Un proxecto que se relaciona coa liña apropiacionista que caracteriza o seu traballo, á que el se refire como ‘revisionista’ ou ‘transfiguracionista’, neste caso baseándose na linguaxe e na imaxe dunha sinatura.

Dous coches brancos sustentados nun muro, simétricos, levitando sobre o chan, a un metro de altura e en perfecto estado, forman parte dunha instalación artística, irónica e directa. Devólvennos a Marcel Duchamp e o desprazamento da función dos obxectos descontextualizados, pero tamén nos falan da paisaxe urbana e do tempo, un instante detido representado e convertido en ficción nun contexto artístico. O modelo elixido, o C4 Picasso de Citroën, é relevante por tratarse dun coche fabricado en Vigo que incorpora, ademais, un elemento que amplía o seu significado. Se o urinario de Duchamp incluía a sinatura de R. Mutt –un artista inexistente, froito da imaxinación do artista e do seu gusto polos xogos de palabras–, o C4 Picasso contén a doutro dos autores incuestionables do século XX. A sinatura convértese no leit-motiv dun proxecto que tamén nos invita a reflexionar sobre a recontextualización da obra e do artista, de Duchamp a Picasso, no ámbito do Vigo contemporáneo e industrial.

Descargar todas as imaxes