Escoitar

Santi Domínguez anima a visitar Puro Arte, que do 15 ao 19 de xaneiro amosará no IFEVI as últimas vangardas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez fixo animou este xoves a visitar a feira Puro Arte, que se celebrará no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) do 15 ao 19 de xaneiro. Na presentación do evento, no que se poderán contemplar as últimas vangardas artísticas, ademais do tenente de alcalde tamén participaron a delegada provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, María Xesús López, o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Xesus López, o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o director do certame, Ignacio Scarpellini.

xoves, 8 xan 2009
1231425011puroarte3.jpg
"Dende a Consellería de Cultura teño que subliñar a nosa obriga de colaborar co Concello de Vigo na celebración deste evento", salientou a delegada provincial da Consellería de Cultura, María Xesús López; asemade indicou que nestes tempos "temos que buscar saídas ao noso tempo de lecer e Puro Arte é unha boa alternativa". Na súa intervención resaltou o carácter innovador da feira, centralizado na figura de Luís Caruncho, a quen se rende homenaxe na edición deste ano. Expresou os seus parabéns ao Concello de Vigo, en concreto á Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura e ao resto de entidades organizadoras.

Santi Domínguez destacou na súa intervención a singularidade de Vigo e neste sentido afirmou que Puro Arte "é unha boa alternativa polo que ten de popularización da arte". Segundo o tenente de alcalde, do 15 ao 19 de xaneiro "poderemos gozar coas obras expostas e adentrarnos no espazo alí configurado" polo arquitecto Otto Medem. "Na edición do ano pasado puiden comprobar como da arte pode gozar calquera, sen necesidade de ser un gran especialista", destacou o nacionalista, quen quixo animar a toda a cidadanía a visitar o certame. "Para que Vigo sexa tamén referenza no mundo da arte necesitamos que o público respalde esta iniciativa coa súa presenza", sinaloou.

"En tempo de crise temos que loitar contra ela con ilusión, e Puro Arte é unha boa mostra deste obxectivo", manifestou o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea. Ao seu xuízo que Puro Arte se celebre en Vigo resulta sumamente positivo porque, por unha banda, "a arte sempre toca a ilusión", e por outra supón "unha axuda ao desenvolvemento económico da cidade". Finalmente, felicitou á Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura "polo seu esforzo para organizar unha iniciativa como esta".

O concelleiro de Cultura, Xesus López, explicou que do 15 ao 19 de xaneiro, a terceira edición da Feira Internacional de Arte Contemporánea PURO ARTE reunirá máis de 50 galerías procedentes de todo o mundo que mostrarán en Galicia a obra pictórica, escultórica e gráfica dos artistas máis acreditados da escena internacional, ademais de promover os valores emerxentes e fomentar a colección e o goce da arte contemporánea. Segundo o edil do BNG, a innovación e un dos eixos centrais do certame, "sobre todo respecto a distribución do espazo feiral, cunha proposta do arquitecto Otto Medem que rompe cos esquemas tradicionais das mostras en recinto pechado". Tamén destacou a innovación pola posta en marcha da iniciativa Project Rooms e pola homenaxe a Luís Caruncho, un dos artistas máis recoñecidos e internacionais de Galicia, situado pola crítica internacional xunto aos grandes mestres da pintura contemporánea.

O director da feira, Ignacio Scarpellini, destacou que nesta edición confirmaron a súa asistencia algunhas das galerías máis representativas desta vangarda artística internacional, entre as que destacan Walter Bishoff (Alemaña), Fonseca Macedo e Cordeiros Galeria (Portugal), La Caja China (Sevilla) ou a Galería Hispánica (Madrid). A representación galega está encabezada por Atlántica ( A Coruña), Metro Arte (Santiago e Vigo) e Triart (Vigo), por citar a algunhas das que exporán os seus fondos artísticos no recinto feiral da cidade. Asemade, indicou que se poderán contemplar obras das grandes firmas da vangarda histórica, como Miquel Barceló, Manolo Valdés, Juan Barjola, Pablo Picasso, Salvador Dalí, Joan Mirou, Manuel Mompó, Jorge Oteiza, Manuel Leiro, Antoni Tapies, Jorge Castelo ou os pintores encadrados no Grupo El Paso, con obras de Rafael Canogar e Antonio Saura. Ademais, avanzou que a distribución do respazo terá forma de oito, de xeito que as propias moquetas indicarán a zona expositiva, "guiando o percorrido".

Descargar todas as imaxes