Escoitar

Santi Domínguez agasalla aos pilotos do equipo Rodamoto no marco do apoio ao deporte vigués

O tenente de alcalde, Santi Domínguez fixo este mércores entrega dunhas placas conmemorativas aos integrantes do equipo Rodamoto que ao longo do 2008 acadaron éxitos en diversas competicións deportivas. No acto, que tivo lugar no Pazo de Castrelos e contou coa participación do concelleiro de Deportes Xabier Alonso, o tenente de alcalde explicou que esta iniciativa se enmarca nas distinas mostras de apoio que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes realizan ao deporte e os deportistas de Vigo.

mércores, 7 xan 2009
1231337727santi.jpg
"Estamos tremendamente orgullosos de todos vós", subliñou Santi Domínguez, quen lembrou que o ano 2008 rematou coa consecución do Campionato de España de Trial Promesas polo piloto vigués Xurxo Casales, o subcampionato de España de Trial Féminas pola piloto de Vilagarcía Emma Castañeiras, o campionato de Portugal de Mini GP do piloto vigués Abraham Fernández e o podium que conseguiu no campionato de Europa de Motocross infantil o tamén vigués Rubén Fernández. Asemade, Dani Rivas, piloto de Cangas do equipo Rodamoto, conseguiu tamén o título de campión Europeo Junior de velocidade na categoría Supersport.

O tenente de alcalde sinalou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes traballan para que nesta cidade "cada vez máis xente faga deporte". Neste sentido agradeceu o esforzo non só dos deportistas, senón tamén dos seus pais e nais "porque sin eles sería imposible acadar éxitos", destacou. Asemade, Santi Dominguez, adiantou que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes "imos seguir apoiándovos para que podades seguir acadando éxitos deportivos neste 2009".

"É un orgullo saber que en tres anos tedes acadados tantos éxitos deportivos de ámbito internacional, estatal e galego", salientou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. O equipo Rodamoto naceu hai vinte anos, cando o seu fundador, Ricardo Suárez comezou a sua actividade deportiva como piloto de velocidades. Naquela primeira fase Suárez acadou éxitos internacionais, a nivel español e tamén títulos galegos. Coa retirada da competición, Ricardo Suárez decidiu comezar unha labor de mecenazgo deportivo creando a Copa Rodamoto, que xa vai pola sua cuarta edición, e que na actualidade apoia a pilotos en diversas disciplinas do motociclismo, como o trial, o enduro e o motocros.
Descargar todas as imaxes