A Semana de Teatro Afeccionado remata o domingo coa selección dos grupos que participarán no Vigo a Escena 2011

venres, 29 out 2010

A Semana de Teatro Afeccionado, que de desenvolve dende o luns no Auditorio Municipal en colaboración coa Agrupación de Centros Culturais de Vigo, rematará o vindeiro domingo 31 de outubro coa entrega de premios ás catros agrupacións elixidas para participar no programa Vigo a Escena 2011. Segundo o concelleiro de Cultura, Xesus López, o obxectivo desta iniciativa é "facer partícipes aos barrios e parroquias de Vigo nas actividades culturais da cidade".

Xesus López anuncia que o programa "6x6" amosará no Verbum dende o xoves 18 espectáculos de artistas emerxentes

martes, 26 out 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a segunda edición do programa "6x6. Punto de encontro", que se desenvolverá no Verbum os xoves dende o 28 de outubro ao 2 de decembro, ás 20.30 horas. O concelleiro nacionalista destacou que este proxecto está integrado por un total de 18 espectáculos realizados por artistas emerxentes, coa palabra como eixo central.

A maxia volve o domingo ao Auditorio Municipal co espectáculo da compañía Román García

venres, 22 out 2010

No marco do programa estable de artes escénicas destinada ao público infantil e familiar, o Auditorio Municipal acollerá o vindeiro domingo 24 de outubro o espectáculo "Nanomaxias", a cargo da compañía Román García. Segundo informa a Concellería de Cultura a actuación será ás 18 horas e o prezo das entradas é de 3 euros para os rapaces e rapazas até 12 anos e de 5 euros para os maiores de 13 anos.

Tenencia e Cultura apostan pola obra dos artistas vigueses coa inauguración hoxe xoves dunha exposición de Pedro Solveira

xoves, 21 out 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este xoves a nova exposición "Pedro Solveira. O que pasou e o que está por vir", que se poderá visitar na Casa das Artes dende hoxe e ata o 5 de decembro. Para Santi Domínguez, a inauguración hoxe desta mostra retrospectiva do artista vigués "é unha proba evidente do interese da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura de poñer en valor a obra da nosa xente".

O Auditorio Municipal acolle mañá venres a obra "Un cranio furado" e suspéndense as actuacións do sábado en Saiáns e Zamáns

xoves, 21 out 2010

O Auditorio Municipal acolle mañá, 22 de outubro ás 21 horas, unha nova actuación do programa municipal de artes escénicas, a cargo da compañía Producións Teatrais Excéntricas que representará a obra "Un cranio furado". Ademais, segundo informa a Concellería de Cultura, quedan aprazadas dúas actuacións do programa Vigo a Escena previstas para o sábado. Trátase da representación que a agrupación Porta Aberta tiña programada na Asociación Veciñal "San Xurxo" de Saiáns e a actuación que a compañía David Fernández Rivera ía realizar na Asociación "San Mamede" de Zamáns".

Xesus López anuncia que o Verbum acollerá do 21 ao 23 de outubro o sétimo certame de vídeo Secuencia Cero

martes, 19 out 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a sétima edición do certame de vídeo Secuencia Cero, que se celebrará no Museo Verbum do 21 ao 23 de outubro a partir das 19 horas con entrada de balde. Salientou que no certame participarán 20 creacións distribuídos nas categorías de videocreación, documental e curtametraxe. Tamén se poderá ver a videoinstalación "Samil Plurinihista" do artista Pelucas e a actuación do actor vigués Cándido Pazó.

Xesus López anuncia que o Auditorio Municipal acolle o mércores un novo concerto a cargo da Orquestra 430

luns, 18 out 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe o novo concerto que acollerá o Auditorio Municipal dentro do programa estable das artes escénicas. Trátase da actuación da Orquestra 430, "coa que iniciamos a colaboración para convertila na orquestra residente do Concello de Vigo", o mércores 20 de outubro ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 5 euros, e segundo informou o concelleiro nacionalista poden adquirirse anticipadamente na web www.laboleria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

O Auditorio Municipal acolle mañá o 30 aniversario de O Trasno Teatro e o domingo a actuación de Títeres Trompicallo

venres, 15 out 2010

O Auditorio Municipal acollerá esta fin de semana as actuacións de O Trasno e Títeres Trompicallo, no marco da programación estable de artes escénicas, segundo informa a Concellería de Cultura. A compañía O Trasno Novo Teatro celebrará mañá, 16 de outubro ás 20.30 horas, o seu 30 aniversario, mentres que o domingo Títeres Trompicallo interpretará ás 18 horas a obra "Violeta Coletas contra as salchichas ¡gulp!", dirixida ao público infantil.

Xesus López anuncia que o Auditorio Municipal acollerá o mércores e o xoves a estrea do espectáculo "Alicia & Alicia"

luns, 11 out 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a nova actuación que terá lugar no Auditorio Municipal, dentro da programación municipal e estable das artes escénicas. Trátase da estrea do espectáculo de danza "Alicia & Alicia", que se representará o mércores 13 e o xoves 14 ás 21 horas, a cargo da compañía viguesa A Producións Artísticas.