Escoitar

A Fundación Laxeiro inaugura a exposición "No me escribas, tampoco verte" de Pepe Beas<br /> <br />

A Fundación Laxeiro presenta "No me escribas, tampoco verte", unha videoinstalación do artista pepebeas (Córdoba, Arxentina, 1955) que se inscribe dentro do proxecto Entre mares, unha colaboración da fundacion co Collblanc espai d’art de Castellón.

venres, 30 set 2011
1317384323fotopepebeas.jpg
Con este proxecto, as dúas entidades implicadas buscan abrir canles de intercambio de ideas e proxectos, mediante a visibilización do traballo de artistas oriundos de Galicia e a Comunidade Valenciana fóra dos seus repectivos entornos cotiáns de traballo. O proxecto nace con vocación de continuidade e crecemento, de tal forma que para 2012 se contempla a posibilidade de incorporación de outros espazos en Italia e Croacia, para establecer así un circuito que una as ideas de itinerancia e intercambio.

No me escribas, tampoco verte resólvese en forma de proxecto específico para a sala de exposicóns temporais da Fundación Laxeiro mediante unha peza escultórica, realizada con materiais industriais como o metacrilato, o vinilo e o PVC, cuxa factura remítenos a un obxecto de procedencia industrial no que non hai pegada ningunha da man do artista. Dende un punto de vista morfolóxico é, por tanto, unha peza fría, coma o xeo. Un obxecto cuxa orixe é totalmente impersoal e que ademais, semánticamente, recrea de forma clara e inequívoca un sobre (ben de correo postal, ben de correo electrónico) aberto do que emerxe unha pantalla de proxección, non descuberta totalmente, a modo de postal, na que podemos ver a un home espido atravesando a pantalla, nadando agarrado a un anaco de xeo, por un mar xeado, nun continuo loop sen principio nin final.


A resolución técnica da inserción da imaxe audiovisual na peza escultórica, lonxe de consistir nunha pantalla plana de alta definición (que tería sido o camiño máis convencional, debido a que non se mostra todo o soporte videográfico) consiste nunha proxección, calculada de tal forma, que só se proxecta na superficie trapezoidal que non é outra cousa que a pantalla e que representa a postal que vai dentro do sobre. Con este detalle, técnicamente de resolución complexa, pepebeas mostra outra vez esa actitude de afastarse do convencional e de buscar sempre solucións que acheguen o audiovisual ao escultórico, ao obxectual, rompendo desta forma, os límites do propio medio.

A acertada economía de medios expresivos confire á obra unha rápida lectura e comprensión, sen por iso restarlle un chisco de forza expresiva. No me escribas tampoco verte eríxese así como unha peza dunha forte eficacia comunicativa que, dende un punto de vista contextual, revitaliza o que coñecemos como video escultura, un xénero pouco frecuentado polos creadores do noso tempo que, cando utilizan soportes audiovisuales, adoitan derivar cara ao cinema de non ficción, a video instalación, a animación dixital, a net art, o apropiacionismo ou a documentación de accións artísticas. Por iso, No me escribas, tampoco verte ten o interese engadido de funcionar como exemplo dos camiños por explorar nun campo pouco frecuentado, (a video escultura) que, na Fundación Laxeiro atopa o seu sitio, como unha posibilidade máis da diversidade de camiños para a creación contemporánea.

A exposición complétase con diversas fotografías do seu proxecto titulado El deshielo interior que, por temática e estética, está moi relacionado con No me escribas tampoco verte, configurando un fío condutor no que a soidade e a desorientación existencial atopan na metáfora do xeo/desxeo a súa concreción expresiva.

A exposicón poderá visitarse ata o vindeiro día 5 de febreiro
Descargar todas as imaxes

Máis información