O Concello cede un terreo en Valadares para unha galescola e ofrece 375 prazas para maiores no programa de balnearios da Deputación

luns, 10 mar 2008

O Parque Tecnolóxico contará ao longo do 2009 cunha galescola froito da cesión dun terreo ao Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar aprobada na Xunta de Goberno Local celebrada este luns. Segundo salientou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, nunha rolda de prensa conxunta co tenente de alcalde, Santi Domínguez, en 2009 Vigo contará con dúas galescolas, xa que proximamente será inaugurada a da rúa Palencia en virtude do convenio asinado coa Secretaría Xeral de Igualdade.

María Méndez alerta da feminización do proceso migratorio

xoves, 28 feb 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este xoves as características que actualmente presentan a emigración e a pobreza, entre as que destacou a súa feminización. Ademais, durante a presentación do segundo Certame Audiovisual "Ollo de Vidro", que organiza a Fundación Érguete, María Méndez subliñou que por isto é preciso dirixir os esforzos cara aos colectivos de mulleres, tal e como está a facer a súa Concellería, desenvolvendo proxectos nos eidos da educación, a vivenda, a integración laboral e os problemas de xénero.

Benestar Social asinará no mes de marzo o novo convenio coa Asociación de Xordos de Vigo

venres, 22 feb 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este venres que ao longo do vindeiro mes de marzo asinará o novo convenio de colaboración coa Asociación de Xordos de Vigo. Ademais, durante a visita que realizou ás xornadas de portas abertas organizadas por esta entidade asegurou que a achega municipal, cifrada actualmente en 16.500 euros, experimentará un incremento para impulsar a defensa da lingua de signos, desenvolver campañas de sensibilización sobre a realidade das persoas con discapacidade auditiva e fomentar a súa integración.

O Servizo de Axuda no Fogar atendeu 557 persoas en 2007, o 70% gratuitamente

xoves, 21 feb 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do labor desenvolvido polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dirixido polo seu departamento a través dun convenio asinado coa Cruz Vermella de Vigo. Na súa intervención, María Méndez indicou que un total de 557 persoas se beneficiaron deste servizo ao longo de todo o 2007, das que o 78,4 por cento son mulleres e o 71,1 por cento son persoas de idade superior aos 76 anos.

María Méndez continúa na Asociación Down a rolda de visitas aos diferentes colectivos de Vigo para coñecer a súa realidade

luns, 18 feb 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou este luns as instalacións da Asociación Down Vigo no marco da rolda de encontros que está a manter con diversos colectivos da cidade para coñecer de primeira man a súa realidade cotiá. Durante o percorrido que realizou na sede da asociación felicitou os directivos da entidade "polo gran labor que están a desenvolver no eido da discapacidade" e amosou a disposición do Concello para manter a colaboración con esta entidade.

A Concellería de Igualdade conta con 18.100 euros para axudar a mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan pasado pola casa de acollida

Benestar Social destinará este ano 140.000 euros a axudas de emerxencia

luns, 18 feb 2008

A Concellería de Benestar Social destinará este ano 140.000 euros a axudas de emerxencia para persoas ou familias en situación de necesidade. Pola súa parte, a Concellería de Igualdade ten consignados 18.100 euros para asistir as mulleres vítimas de malos tratos. Así o anunciaron este luns as respectivas concelleiras, María Méndez e Iolanda Veloso.

María Méndez inaugura as xornadas "Nen@s na procura do éxito"

venres, 15 feb 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, inaugurou este venres no Centro Socio Cultural Caixagalicia a xornada "Nen@s na procura do éxito: Experiencias e propostas para loitar contra o fracaso escolar", cuxo obxectivo é dar resposta aos problemas dos nenos e nenas. Na súa intervención, María Méndez fixo referencia ao traballo que se está a levar a cabo dende a súa Concellería, pero tamén incidiu nos retos actuais para pais, nais e educadores, como "inculcar vellos e novos valores, comprender as diferenzas e mergullarse na diversidade" .