mércores, 20 out 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores a posta en marcha do Proxecto Redess, en colaboración coa Tenencia de Alcaldía, que o venres celebrará a súa primeira xornada de formación. A concelleira do BNG destacou que o obxectivo desta iniciativa é "coordinar o traballo de todas as entidades que traballan no eido da exclusión social severa en Vigo".
xoves, 14 out 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, denunciou este xoves a redución do convenio coa Xunta de Galiza para desenvolver os programas de prevención das drogodependencias, ao ser asinado unicamente ata decembro deste ano e non pola totalidade do curso escolar. A concelleira nacionalista asegurou que as 50 actividades programadas polo seu departamento ata fin de ano chegarán a 43 centros escolares.
venres, 8 out 2010
A Concellería de Benestar Social súmase á convocatoria do colectivo Iniciativa Solidaria polo 0,77%, que os días 9, 10 e 11 de outubro realizará tres Marchas Solidarias para erradicar a fame e a pobreza no mundo percorrendo distintas vilas galegas. A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anima á cidadanía a participar na convocatoria viguesa, que sairá o domingo ás 8 horas da Praza do Rei.
venres, 8 out 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou este venres o centro de atención a persoas con drogodependencias Cedro, xunto á concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o director do centro, Francisco Otero. Tras contemplar o mural realizado no seu exterior, deu conta do estudo de satisfacción feito este ano entre os usuarios e usuarias e resaltou que dende o 2004 se incrementaron máis dun 15% as persoas que din estar moi satisfeitas co trato recibido.
martes, 5 out 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este martes o traballo que vén realizando a asociación Doa dende hai 23 anos para atender e eliminar o estigma social das persoas con enfermidades mentais. Na visita que hoxe realizou ás instalacións desta entidade, a concelleira nacionalista afirmou que cómpre seguir traballando para erradicar este problema social engadido á enfermidade.
luns, 27 set 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, resaltou hoxe no pleno da corporación municipal que Vigo é a primeira cidade galega en contar cun Plan das Migracións e Convivencia Intercultural. A edil do BNG defendeu a necesidade de que Vigo conte con esta ferramenta para potenciar "a integración das persoas estranxeiras", xa que é a cidade galega con máis persoas inmigrantes empadroadas, cun total de 17.000.
xoves, 23 set 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, inspeccionou o circuíto do parque de Castrelos, no que cada día centos de deportistas, tanto afeccionados como federados, corren pola pista forestal. A Concellería de Deportes dotou ao percorrido habitual dos atletas duns postes sinalizadores cada cen metros para balizar un circuíto dun quilómetro, o máis utilizado polos deportistas.
mércores, 22 set 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou hoxe o primeiro Plan das Migracións e Convivencia Intercultural de Vigo, que ten como obxectivo acadar a integración real das persoas inmigrantes. O plan define 19 medidas de actuación, a desenvolver ata o ano 2013, para favorecer a interculturalidade e a convivencia e facer de Vigo unha cidade de acollida e integración dunha poboación inmigrante que representa o 6% do censo.
venres, 17 set 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou hoxe a campaña de sensibilización que o Concello de Vigo está desenvolvendo en apoio á iniciativa "Fai ruído polos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio", coa que se pretende reclamar aos líderes mundiais que reforcen o seu compromiso na loita contra a probreza. "Ese ten que ser un obxectivo de todos e todas e especialmente agora porque a crise afecta máis aos países en desenvolvemento", afirmou a nacionalista.