luns, 20 dec 2010
Abel Caballero avanzou este luns que o próximo xoves 23 de decembro celebrarase o Pleno da Corporación Municipal de aprobación definitiva do orzamento do Concello para 2011 -de 227 millóns de euros- que, no caso de ser validado, será o cuarto consecutivo do goberno local "por primeira vez na historia desta cidade", indicou o alcalde. Caballero recordou que os impostos conxélanse en termos reais e os gastos de persoal redúcense en case un 5%.
luns, 29 nov 2010
O Pleno da Corporación ratificou este luns definitivamente as ordenanzas fiscais para 2011. Os impostos conxelaranse tras a aplicación do IPC (un 1,5%), non se actualizarán as taxas de escolas infantís e centros de maiores, e reducirase a de asistencia domiciliaria nun 1,31%. A concelleira de Facenda, Raquel Díaz, subliñou que a carga fiscal da cidadanía diminuirá o vindeiro ano, pese a ser hoxe en día o gran concello galego con menor carga fiscal.
luns, 22 nov 2010
En virtude do convenio asinado en 2007, a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, fixo hoxe luns entrega dunha achega de 250.000 euros ao alcalde pedáneo de Bembrive, Benito Pérez, correspondente á anualidade de 2010 para acometer obras de mantemento. A edil afirmou que os investimentos do Concello na parroquia desde entón ascenden a catro millóns de euros.
luns, 8 nov 2010
O Pleno da Corporación Municipal deu este luns -coa oposición do PP- a aprobación inicial ás contas do Concello para 2011, de 227 millóns, sendo a primeira vez na historia recente viguesa que se aproba un cuarto orzamento consecutivo. A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, defendeu "a gran atención social e educativa" do texto aprobado, que se presenta "cun gran obxectivo: crear emprego e facer cidade", e inclúe 18 millóns en investimentos.
venres, 29 out 2010
Abel Caballero explicou hoxe venres que os orzamentos do Concello para 2011 inclúen unha amortización de débeda de 12,5 millóns e un crédito de 11, polo que as contas municipais tras o próximo exercizo verán reducido o seu nivel de endebedamento. O alcalde indicou que, ao remate de 2011, o Concello de Vigo continuará a ser, como na actualidade, o municipio español con menor débeda.
xoves, 28 out 2010
A Xunta de Goberno Local deu este xoves luz verde ás contas do Concello para o próximo ano, que totalizan 227 millóns de euros, un 8% menos que o de 2010. Abel Caballero salientou o descenso en gasto corrente e de persoal, ao tempo que se reservan 18 millóns para investimentos e sube o gasto social e educativo. O cuarto orzamento consecutivo aprobado, a primeira vez que acontece en Vigo en democracia, "pon de relieve a estabilidade deste goberno", asegurou o alcalde.
luns, 27 set 2010
O Pleno da Corporación ratificou este luns as ordenanzas fiscais para o próximo ano. Os impostos conxelaranse tras a aplicación do IPC (un 1,5%), non se actualizarán as taxas de escolas infantís e centros de maiores, e reducirase a de asistencia domiciliaria nun 1,31%. A concelleira de Facenda, Raquel Díaz, subliñou que a carga fiscal da cidadanía diminuirá o vindeiro ano, pese a ser hoxe en día o gran concello galego con menor carga fiscal.
xoves, 16 set 2010
A concelleira de Economía e Facenda, a socialista Raquel Díaz, explicou hoxe xoves que a presión fiscal en Vigo ascende a 488 euros per cápita, por debaixo de cidades como A Coruña ou Santiago e a metade de urbes como Madrid. Díaz defendeu as políticas sociais en materia económica que aplica o goberno de Abel Caballero -e da benefícianse unhas 10.000 familias-, que diminúen a carga fiscal, rebaixa a débeda municipal e multiplica os investimentos.
martes, 14 set 2010
Raquel Díaz explicou que a xestión do goberno municipal posibilitou que, con respecto ao ano 2005, a débeda do Concello pasara dun 47% ao 19% actual ao tempo que os investimentos neste mandato multiplicáronse por cinco. "A nosa acción de goberno é visible e responsable", indicou a socialista, pois sitúa a Vigo como o gran concello español en réxime común con menor nivel de débeda.
mércores, 8 set 2010
O alcalde informou que o Goberno de España atenderá "as tesis de Vigo" sobre o financiamento dos municipios e terá en conta o nivel de débeda de cada concello para o próximo ano. Vigo, a gran cidade menos endebedada de España en réxime común, poderá así renovar as súas amortizacións e sumará ao seu financiamento "alo menos" 10 millóns de euros "sen endebedamento adicional".