Escoitar

O alcalde presenta un orzamento "austero e realista" para 2012, volcado no emprego e na política social

O alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, informaron hoxe xoves dos orzamentos elaborados polo goberno local para 2012, un texto "austero e realista" de 219,9 millóns de euros, un 3,02% menos que o actual. Caballero identificou o emprego, a construción dunha cidade sostible e a política social como eixos dun orzamento con 18,3 millóns de investimento, que aforra en gasto corrente e de persoal e incrementa as partidas para xeración de emprego e atención social.

xoves, 29 dec 2011
1325164522presu.jpg
O alcalde de Vigo explicou que o orzamento municipal de ingresos para 2012 ascende a 219.919.803 euros, un 3,02% menos que o actual, mentres que o consolidado de gasto será de 217.205.602 euros, co que o Concello aforrará case 3 millóns de euros "para cubrir o déficit de 2011 da Xerencia de Urbanismo".

Abel Caballero presentou un "orzamento austero e realista, que se adapta ás dificultades do momento" e que "volca todo o seu esforzo en políticas de emprego, de realizar unha cidade sostible e de política social".

Austeridade
O capítulo de persoal redúcese en 600.000 euros pola reducción de asesores e dedicacións exclusivas da Corporación, que o alcalde singularizou no goberno local -"quen aforra é o goberno, non a oposición"-, tras o que recordou que as dedicacións exclusivas do executivo que preside pasaron de 11 no anterior mandato ás seis no presente.

O capítulo de gasto corrente cae un 5,6%, aforrando 6 millóns de euros "sen perder un só emprego nin fixo nin eventual". Caballero encadrou aquí "unha parte representantiva da austeridade" do goberno vigués pois, "co mesmo servizo e coa mesma calidade", o Concello afórrase 1,8 millóns de euros no contrato de lixo, 42.000 euros no baleirado de papeleiras, 600.000 euros sobre o estipulado no contrato de xardíns para 2012, 500.000 euros no da rede semafórica e 100.000 euros no servizo do guindastre. O alcalde felicitou á edil de Economía e Facenda e aos concelleiros do goberno local polo "esforzo" realizado neste capítulo, recoñecemento que fixo extensivo ás empresas concesionarias.

Política social, educación e deporte
O rexedor pasou a explicar que as políticas sociais -maiores, infancia, pisos de acollida, etc- increméntanse un 1% con respecto ao orzamento vixente, singularizado no 16% de ascenso dos cartos destinados á atención domiciliaria, que sumará 2,9 millóns de euros. En política social, Caballero recordou que en 2012 a partida é de 8,5 millóns e no 2005 -as últimas contas aprobadas por un goberno do PP en Vigo- foron de 4,4 millóns.

O capítulo 4 -o de transferencias- increméntase un 6,12%, dous millóns máis con respecto a 2011 para ampliar as achegas de comedor e libros, axudas ás familias, convenios con pais e nais de alumnos para accións educativas, subvencións para comedores escolares e actividades extraescolares e distintos programas en materia de igualdade, entre outras. A subvención do transporte público aumenta un 9,18%, ata un total en 2012 de 10,7 millóns.

O documento de 2012 tamén recolle partidas para a apertura o próximo ano de dúas novas escolas infantís, da aula da UNED e do Centro Internacional desta Universidade en Vigo, que será a única sede de España que non contará con apoio financeiro nin da Deputación provincial nin do Goberno autonómico, segundo denunciou Caballero. Os programas educativos mantéñense -particularmente as bolsas de inglés- e tamén os culturais.

No tocante ao deporte, Abel Caballero indicou que as aportacións municipais case serán duplicadas en 2012. Os 600.000 euros de subvencións ao deporte de base manteranse para o ano e a estes sumaranse 500.000 euros adicionais para actividades do Instituto Municipal de Deportes -as instalacións poderán ser usadas "a menor custe" polos clubes de base- e outros 50.000 euros para adquisición de equipamento deportivo.

Investimentos
A cifras municipais para 2012 contemplan unha "enorme ambición para a xeración de emprego e dunha cidade sostible", aseverou Caballero, o que ten o seu reflexo nos 18,3 millóns de euros adicados a investimentos, o 8,5% do total do orzamento de 2012. En momentos de dificultades como os actuais, "Vigo mantén a súa vocación investidora", subliñou o alcalde.

Dos investimentos sinalados, as humanizacións totalizan 10,2 millóns de euros para a mellora de Nicaragura, Bouzas, Brasil, Aragon, Pintor Colmeiro, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doutor Marañón e Menéndez Pelayo. 790.000 euros irán adicados a parques e xardíns, na Miñoca, o Castro, Castrelos e Rivera Atienza, entre outros.

Pese a ser competencia autonómica, o alcalde apuntou que as contas do próximo ano recollen 405.000 euros para a construción de tres novas escolas infantís, en Lavadores, Navia e Mestres Goldar. O goberno destina 850.000 euros para o novo Mercado do Progreso, 150.000 euros para a ETEA, 90.000 para a Escola de Música de Valladares, 800.000 euros para expropiacións, 190.000 euros para investimentos en Asociacións de Veciñlos e 120.000 euros para unha prazade uso público na zona de POVISA.

Tramitación
O alcalde de Vigo adiantou que o procedemento cara á aprobación definitiva do orzamento municipal de 2012 pasa pola remisión -hoxe ou mañá- do mesmo ao grupo municipal do BNG para o seu coñecemento e estudo; o goberno local estará en condicións de elevalo á Xunta de Goberno en 10 ou 15 días, prazo no que "iremos madurando os contactos co Bloque"; e posteriormente será debatido no Pleno da Corporación.

Abel Caballero recordou que "a nosa vontade de acordo é total" co Bloque Nacionalista Galego porque "os cidadáns así o mandataron". A aprobación das contas precisan da maioría absoluta dos votos da Corporación.
Descargar todas as imaxes