Escoitar

O Concello sufraga 3 céntimos o billete do autobús urbano, que custará 1,22 euros

O goberno local elevou este mércores á Comisión Sectorial de Transportes as propostas de prezos para 2012 do autobús urbano, que no seu billete ordinario custará 1,22 euros. O concelleiro de Transporte, Carlos Font, indicou que o prezo estipulado no contrato sería de 1,25 euros, mais o goberno local asume a diferencia de tres céntimos, unha decisión cun custe para as arcas municipais superior ao medio millón de euros. O incremento nas tarxetas verdes será de catro céntimos, un menos que o ordinario.

mércores, 28 dec 2011
1325091249font.jpg
O concelleiro de Transporte e Mobilidade, Carlos Font, recordou que o pasado ano o goberno local conxelou a tarifa ordinaria e rebaixou un céntimo o viaxe nas tarxetas verdes, facéndose cargo o Concello da diferencia estipulada no contrato -asinado en 1994- coa concesionaria Vitrasa.

De cara ao novo ano, a subvención municipal -superior ao medio millón de euros- manterase para que o prezo do viaxe siga custando tres céntimos menos do recollido na concesión, 1,22 euros en lugar dos 1,25 euros correspondentes.

Os prezos das tarxetas verdes pasan a custar catro céntimos máis, un menos do incremento do xeral. O bono bús ordinario custará 84 céntimos, o de estudantes 81 céntimos, o universitario 63 céntimos e o social 64 céntimos. As de pensionistas continuarán sendo gratuitas.

Trátase dun "esforzo moi importante" do goberno local que ratifica a "aposta municipal polo transporte público", abondou Carlos Font, quen comparou a revisión de prezos en Vigo con otras cidades coma Santander -onde sube 10 céntimos-, Valencia -cun incremento do 15%-, Zaragoza -que pasará a custar 20 céntimos máis- ou A Coruña -cun prezo tamén cinco céntimos superior ao deste ano-. Font concluíu que "estamos a axustar moito máis que noutros concellos" as tarifas do autobús urbano.
Descargar todas as imaxes