martes, 11 xan 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, amosou este martes a súa satisfacción porque as obras de construción do complexo de locais de ensaio de Vigo "van a bo ritmo". Na visita que realizou á infraestrutura, xunto á concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, e o edil de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o nacionalista anunciou que as obras rematarán en marzo, posta que está en execución a "última fase".
luns, 20 dec 2010
A concelleira de Igualdade e Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este luns unha nova edición da campaña para favorecer o uso non sexista dos xogos e os xoguetes, baixo o lema "Regala/Comparte igualdade". A concelleira nacionalista destacou que a campaña ten o obxectivo de sensibilizar a toda a cidadanía na importancia de fomentar a igualdade para evitar condutas sexistas.
xoves, 16 dec 2010
A segunda edición das xornadas Moceando, organizadas pola Concellería de Xuventude, comezan mañá 17 de decembro ás 17 horas nunha carpa instalada fronte ao Náutico. As actividades propostas inclúen actividades variadas como concertos, obradoiros, exhibición de grafitti, parker, skate e proxección de traballos co obxectivo de dar a coñecer o que fai a mocidade no seu tempo de lecer.
luns, 13 dec 2010
A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este luns a segunda edición das xornadas Moceando, que se desenvolverán do 17 ao 19 de decembro nunha carpa instalada fronte ao Náutico. A edil nacionalista destacou que o obxectivo desta iniciativa, que inclúe concertos, proxeccións, xogos e obradoiros, é "amosar o que están facendo os mozos e mozas da nosa cidade no seu tempo de lecer e rachar cos estereotipos e a mala imaxe que moitas veces se transmite da mocidade".
xoves, 9 dec 2010
A concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este xoves dous campamentos de Nadal destinados a rapaces e rapazas que se desenvolverán na Casa das Mulleres e no museo Verbum. Segundo destacou a edil do BNG, é "a primeira ocasión" que se ofrecen estas actividades na época de Nadal, que teñen por obxectivo "ofrecer actividades de lecer aos cativos e cativas que sexan medidas de conciliación da vida laboral e familiar".
mércores, 1 dec 2010
A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentou hoxe a fase final do concurso "Ao mesmo son", que se celebrará o vindeiro venres na Sala Infierno coa actuación dos catro grupos finalistas e as actuacións de Berrogüetto e os vigueses The Crass. "Estmaos moi satisfeitas porque a participación foi moi boa", afirmou a concelleira. Presentáronse quince temas, dos que catro chegaron a fase final. Os grupos JIT, Romasanta, Ataraxía e Vacalouras serán os que o venres actúen por última vez diante do xurado para definir os tres primeiros premios.
luns, 29 nov 2010
A sala de exposicións da Casa da Xuventude acolle unha nova mostra, neste caso a colección fotográfica "Impacto visual", do artista David Muíños coñecido artisticamente como Fotos DMD. A exposición pódese visitar ata o 14 de decembro de luns a venres de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
xoves, 18 nov 2010
No marco do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtopía, celébrase mañá a estrea de "Cromoterapia", ás 22.30 horas no cine Salesianos. Trátase dun proxecto de sete curtametraxes realizado por mozos e mozas de Vigo e impulsado pola Concellería de Xuventude. É o resultado de dez meses de traballo que comezou co proxecto de dinamización xuvenil municipal dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 20 anos, no que se lles ofertaba a posibilidade de formarse en obradoiros relacionados co audiovisual impartidos por profesionais, e desenvolver un proxecto creativo realizando curtametraxes
martes, 2 nov 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentaron este martes a primeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtopía, que se celebrará en diferentes espazos de Vigo ata o 28 de novembro. Na presentación, na que tamén participou o director do festiva, Alfonso Vázquez, o nacionalista salientou a calidade e a internacionalidade dos 300 traballos presentados ao certame, dos que finalmente foron seleccionados 30 para participar na sección oficial.
mércores, 13 out 2010
A concelleira de Igualdade e Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este mércores a segunda edición do programa Empatía, que o ano pasado chegou a 761 alumnos e alumnas e 15 profesores e profesoras. Segundo a concelleira nacionalista, o proxecto ten o obxectivo de "fomentar a educación no valor da igualdade" mediante a participación de toda a comunidade educativa dos centros de ensino de Vigo de ESO e Bacharelato