Escoitar

O Concello aportará 55.000 euros á festa da Reconquista de Vigo

A Xunta de Goberno Local validou hoxe venres o convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello para a organización dos actos. As actividades comezarán nos días previos co mercado tradicional, animación e grupos de música por rúas e prazas do Casco Vello así como un concerto de folk tradicional.

venres, 9 mar 2012
A Xunta de Goberno Local deu hoxe o visto bo ao convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello para organizar os actos da Reconquista 2012. O acordo recolle unha achega económica de 55.000 euros por parte do Concello que servirán para a organización conxunta dunha programación conmemorativa da Reconquista.

Os obxectivos que persegue o acordo céntranse en dar a coñecer parte da historia de Vigo, fomentar a participación dos cidadáns dunha forma lúdica, dinamizar cultural e socialmente o barrio así como recoñecer o Casco Vello como alternativa cultural e de ocio.

Ademais dos actos previstos para o mesmo día da Reconquista as actividades comezarán nos días previos con obradoiros de costura tradicional, bandeiras, atrezzo e comisións de escenografía e vestiario. Concretamente os días 26 e 27 de marzo haberá mercado tradicional con demostración de oficios tradicionais, animación e grupos de música por rúas e prazas do Casco Vello e concerto de música folk tradicional. A representación teatral da Reconquista será o sábado, 31 de marzo e o domingo, 1 de abril.