xoves, 5 mai 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este xoves a XXI Reunión Anual da Asociación Galega de Psiquiatría, que reunirá a máis de 200 profesionais os días 24 e 25 de xuño no Pazo de Congresos. O nacionalista afirmou que estas xornadas forman parte dos 14 congresos que xa pechou o Vigo Convention Bureau, que traerán á cidade máis de 12.000 congresistas e un volume de negocio superior aos 9 millóns de euros.
martes, 5 abr 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este martes o estudo de mercado sobre turismo de eventos 2011 realizado polo Grupo Eventoplus, segundo o cal a previsión é que amente a organización de eventos pese a que disminúe o orzamento. O nacionalista destacou a importancia de coñecer o resultado do estudo "como un paso máis na aposta por potenciar o sector turístico", especialmente coa creación hai ano e medio do Vigo Convention Bureau.
martes, 22 mar 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou hoxe o mercado de O Progreso para asistir ao inicio das obras de remodelación, que contan cun investimento de 4,5 millóns de euros financiados case integramente polo Concello de Vigo. O nacionalista asegurou que esta reforma, ao igual que a que se levará a cabo proximamente no mercado do Berbés, amosa a aposta da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio polo pequeno e mediano comercio da cidade. "É de obrigado cumprimento que os cartos públicos se destinen a crear riqueza na cidade", afirmou.
venres, 4 mar 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, deu conta dos asuntos tratados na xuntanza celebrada hoxe do padroado da Fundación Vigo Convention Bureau, na que se lle trasladou aos seus integrantes o balance das actividades que esta entidade realizou ao longo de 2010 e as previsións para 2011. Salientou a satisfacción manifestada polo padroado polo traballo feito no primeiro ano de andaina do Convention Bureau, xa que conta con 83 novas empresas colaboradores e 10 congresos a celebrar ao longo de 2011.
martes, 1 mar 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este martes a nova "unidade móbil turística de Vigo", que dende a súa primeira parada en Pontevedra percorrerá ata maio un total de 27 cidades baixo o lema "Velo para querelo". O nacionalista destacou que é unha nova acción do Plan de Competitividade Turística de Vigo, que xa ten posto en marcha outras importantes iniciativas como a estrea do documental "Novo Vigo Vello", e complementa outas accións como a creación do Vigo Convention Bureau, que está captando novos congresos para a cidade.
mércores, 23 feb 2011
Seguir apoiando ao pequeno e mediano comercio, con novas iniciativas para a súa modernización e campañas de promoción. Esa é a liña de traballo que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio continuarán desenvolvendo, segundo trasladou hoxe o tenente de alcalde aos comerciantes no percorrido que fixo por diferentes establecementos da zona comercial centro. O nacionalista avanzou que se está estudando recuperar a campaña de estacionamento gratuíto para as persoas que merquen no comercio de proximidade e tamén que se desenvolverá unha campaña de promoción de Vigo en Portugal, que vai favorecer a chegada de visitantes que aproveitan as súas saídas para facer compras.
luns, 21 feb 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, recolleu hoxe luns as propostas da directiva de Mercacevi para reformar os mercados de Teis, Cabral e O Calvario. O nacionalista comprometeuse a estudar os proxectos e analizar "a forma de afrontalos para seguir co noso plan de ir, pouco a pouco, mellorando os mercados municipais".
xoves, 17 feb 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, presentou este xoves "De tendas por Vigo", unha iniciativa que ten por obxectivo apoiar ao comercio vigués e que iniciará a primeira fase da súa andaina o vindeiro luns, 21 de febreiro. O nacionalista salientou que é unha ferramenta "para facer máis competitivo ao pequeno e mediano comercio da cidade" mediante plataforma www.detendasporvigo.com e o emprego dunha tarxeta de fidelización. Nunha segunda fase poderanse facer tamén compras on line
mércores, 16 feb 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o venres, 18 de febreiro, o Centro Social de Novacaixagalicia acollerá a estrea do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", coa presenza Luis Tosar. O nacionalista indicou que ademáis haberá outro pase o domingo para que todas as persoas interesadas teñan a opción de ver este documental financiado a través do Plan de Competitividade Turística. Santi Domínguez tamén avanzou que xa comezou a distribución do filme nas canles de televisión e que a partir do segundo semestre deste ano entrará no circuíto de festivais estatais e internacionais.
venres, 4 feb 2011
O tenente de alcalde e presidente do comité executivo do Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, asinou hoxe un convenio co presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos (Asime), Julio Gómez. O nacionalista destacou que a sinatura do documento ten o obxectivo de promocionar a industria e a economía viguesas, e en concreto o sector naval, nas accións organizadas polo Vigo Convention Bureau.