Escoitar

O tenente de alcalde di que Stockaxe agarda superar, do 16 ao 17 de outubro no Ifevi, os 30.000 visitantes

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, anunciou este luns que a terceira edición da Feira de Liquidación de Stocks, Stockaxe, se celebrará no Ifevi os días 16 e 17 de outubro. Na presentación, na que tamén participou a presidenta de Fecovi, Encarna Álvarez, o nacionalista destacou que se agarda unha cifra de visitantes de 30.000 persoas, superando así os 25.000 visitantes da pasada edición, que tivo un volumen de negocio dun millón de euros.

luns, 14 xuñ 2010
1276519959Stockaxe.JPG
"Desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio entendemos que Stockaxe é unha ferramenta fundamental na nosa aposta polo apoio ao pequeno e mediano comercio", afirmou Santi Domínguez. Salientou asemade que nestes tempos de crise económica supón "un balón de osíxeno" para o comercio minorista da nosa cidade.

O tenente de alcalde sinalou que esta feira se enmarca na campaña de fomento das compras no comercio de Vigo posta en marcha pola Concellería de Comercio. Ademais da organización de Stockaxe, entre os últimos tres meses do ano 2009 e os primeiros de 2010, Tenencia de Alcaldía destina 2.400.000 euros á dinamización do comercio, entre as axudas directas a este sector e as axudas ás familias para o fomento do consumo nestes establecementos.

Santi Domínguez indicou que Stockaxe ocupará máis de 9.000 metros cadrados de exposición, 2.000 máis que na edición pasada, e que mostra do éxito da iniciativa é que máis do 50% dos participantes xa fixeron a reserva de espazo para ter presenza no IfeviI.

Por outra banda, sinalou que a feira amosará unha ampla gama de moda de home, muller e nenos, zapatos e complementos, decoración, enxoval e produtos informáticos. Destacou que se seguirán ofrecendo, como nas edicións anteriores, o servizo de gardería, espazo infantil e menús familiares.

O tenente de alcalde agradeceu e felicitou á presidenta de Fecovi pola posta en marcha desta iniciativa e expresou a súa confianza de que o obxectivo da feira se cumpra. "Agardo que os pequenos e medianos comerciantes poidan vender os seus produtos", comentou. Para conseguilo, fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que "aquelo que queiran mercar o fagan no pequeno e mediano comercio vigués, porque repercute directamente na nosa cidade".

A presidenta de Fecovi, Encarna Álvarez, agradeceu a Santi Domínguez "o seu entendemento da gran importancia deste sector para a cidade". Concordou co tenente de alcalde en que esta terceira edición da feira é "unha ferramenta para o comercio de Vigo", pese a que o sector non atravesa un momento forte.

O feito de que xa o 50% dos comercios participantes teñen reservado espazo para amosar o seu nome na feira quere significar, segundo Encarna Álvarez, que a partir de agora haberá un incremento na fluidez das chamadas para facer as reservas.

En resposta ás preguntas dos medios sobre o peche de comercios na cidade, a presidenta de Fecovi, recoñeceu que segundo a Cámara de Comercio de Vigo son arredor de 450 os establecementos pechados, pero que a cifra de altas é moi similar. Afirmou que hoxe "está esquecida a traxedia que supuxo ter unha máquina diante do comercio" e sinalou que xa hai comerciantes que expresan o desexo de que a rúa na que se atopa o seu establecemento sexa humanizada.

No tocante á posibilidade de poñer en marcha novas campañas para fomentar o consumo nos comercios da cidade, Encarna Álvarez destacou a importancia que terá a próxima apertura do aparacamento de Jenaro de la Fuente para a dinamización do comercio do Calvario.

A este respecto, Santi Domínguez salientou que na Tenencia de Alcaldía e na Concellería de Comercio "traballaremos en calquera iniciativa que se nos propoña e que sirva de impulso ao comercio". Explicou que na actualidade esta finalizando a tramitación das axudas directas ao comercio, máis longa que a do ano pasado porque se superaron as 2.300 solicitudes, duplicando as presentadas no 2009.

"Posteriormente valoraremos calquera tipo de iniciativa, xa que tratamos de que sexan os propios comerciantes os que se involucren e fagan as propostas", dixo o tenente de alcalde.
Descargar todas as imaxes