Escoitar

Santi Domínguez salienta a consolidación de Stockaxe, que reunirá a 70 firmas os días 16 e 17 de outubro

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, destacou este venres a consolidación da feira Stockaxe, que na súa terceira edición xa manexa cifras similares á celebrada o ano pasado, con case 70 firmas confirmadas a dúas semanas do seu comezo. O evento, que terá lugar no Ifevi os días 16 e 17 de outubro espera superar tamén as cifras de visitantes, que no 2009 chegaron aos 22.000.

venres, 1 out 2010
1285936059Stockaxe.JPG
Santi Domínguez lembrou que Stockaxe naceu hai tres anos co obxectivo de axudar ao pequeno e mediano comercio nun momento de dificultades económicas, "que por desgraza aínda non pasou", apuntou. Destacou a importancia do sector na xeración de emprego, xa que suma 16.000 postos de traballo na cidade.

"Xa na primeira feira sorprendeunos a resposta dos comerciantes, a gran afluencia de público e uns resultados económicos moi aceptables", comentou o nacionalista. O tenente de alcalde afirmou que como nas outras dúas citas participarán os sectores téxtil, de calzado, droguería, mobles e decoración, xoiería e óptica, entre outros, "que practicamente encherán os 9.000 metros cadrados do pavillón 2 do Ifevi", sinalou.

Entre as novidades desta terceira edición de Stockaxe, Santi Domínguez destacou a ampliación do espazo de gardería. Indicou que se manterán os menús a "prezos asequibles" para facilitar a realización das compras, así como o "prezo simbólico" da entrada á feira, con 1 euro para os visitantes de máis de 13 anos e gratuíta para os menores de 12 anos que acudan acompañados.

"Queremos que os viguesas e as viguesas sigan apoiando este sector, porque o pequeno e mediano comercio deixa o seu retorno económico na cidade", salientou o tenente de alcalde. Asegurou que dende a Concellería de Comercio así se fará, "insistindo nas axudas directas para o consumo" nos establecementos de proximidade. Avanzou que xa se está "a punto de rematar" a nova convocatoria, para a cal xa hai máis de 2.300 solicitudes presentadas. Lembrou que na convocatoria anterior se concederon máis de 1.000 axudas.

A presidenta de Fecovi, Encarna Álvarez, agradeceu a Santi Domínguez "o seu apoio á organización da feira" e recoñeceu que sen a súa colaboración non tería sido posible facela. Asegurou que é un proxecto que xa forma parte de Fecovi, que se celebra nun "recinto de prestixio", polo que defenden "que se manteña no tempo".
Descargar todas as imaxes