Escoitar

Santi Domínguez anima a participar na Marcha Aspanaex do domingo para avanzar na igualdade de oportunidades

O tenente de alcalde, Santi Domínguez animou hoxe á cidadanía viguesa a participar na Marcha Aspanaex que terá lugar o vindeiro domingo, 3 de outubro, con saída ás 10.30 horas do parque de Castrelos. O nacionalista salientou que non se trata dun evento deportivo ou social, senón un "evento do corazón" que debe lembrar que "o obxectivo polo que traballamos é a igualdade de oportunidades".

venres, 1 out 2010
1285936023Aspanaex.JPG
Para Santi Domínguez, a Marcha Aspanaex é xa un "clásico" na cidade, que está "por riba" de outros acontecementos, polo que sinalou que non se trata "dun percorrido de ir andando dende Castrelos e voltar. Detrás dos moitos vigueses e viguesas que faremos o percorrido e do bo ambiente, hai algo fundamental, que é o traballo que fai a asociación Aspanaex pola igualdade de oportunidades".

"A todos nos vén moi ben que nos dean un toque de solidariedade polo que animo aos vigueses e viguesas a que fagan o percorrido", manifestou o tenente de alcalde na presentación. Neste sentido, asegurou que as administracións cumpren a súa obriga "apoiando a asociacións como esta".

A vicepresidenta de Aspanaex, Teresa Galisteo, avanzou que hai unha modificación no percorrido respecto a anteriores edicións, xa que no Paseo de Alfonso, en lugar de continuar por Pi i Margall, que está en obras, subirase pola Falperra e Cachamuiña e a volta será pola avenida Camelias. Co obxectivo de facilitar a subida ás persoas que se despracen en cadeira de rodas, salientou que haberá unha furgoneta a súa disposición.

Por outra banda, Teresa Galisteo agradeceu expresamente a colaboración de Tenencia de Alcaldía para desenvolver a marcha e sinalou que a lectura do pregón correrá a cargo do actor Tucho González. Destacou que ao finalizar a marcha, celebrarase un sorteo de agasallos entre todos os participantes, entre os que sinalou un balón doado polo adestrador Vicente del Bosque e asinado polos xogadores da selección española de fútbol.
Descargar todas as imaxes