Escoitar

Santi Domínguez asegura que a reforma da rúa Cruceiro Vello de Bouzas "mantén a liña da preservación do patrimonio"

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, destacou este xoves que a reforma da rúa Cruceiro Vello de Bouzas, que supuxo un investimento de 205.000 euros, "mantén a liña de preservación do patrimonio e dos nosos tesouros". Santi Domínguez explicou que a remodelación incluíu o cambio do pavimento, abastecemento e saneamento, separación de augas e alumeado, así como a rehabilitación do cruceiro, que data do ano 1800.

xoves, 30 set 2010
1285850502Cruceiro.jpg
Durante a visita a Bouzas, na que tamén participaron o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o nacionalista manifestou que os tres quedaran "gratamente sorprendidos" coa rehabilitación levada a cabo. Destacou que a remodelación realizada tamén serviu para seguir recuperando espazos de lecer para a cidadanía, facendo da rúa unha zona peonil deixando unicamente acceso aos garaxes. Sinalou que proximamente se acometerá o soterramento das liñas aéreas.

"Para nós, Bouzas é un enclave moi importante, como vila mariñeira que é", dixo o tenente de alcalde. Avanzou que se seguirán incrementando as axudas para rehabilitar fachadas do barrio, "tal e como se pode apreciar nesta mesma rúa". Neste sentido, Santi Domínguez indicou que os orzamentos correspondentes ao 2011 tamén contemplarán partidas para levar a cabo a reforma de outras rúas de Bouzas.
Descargar todas as imaxes