Escoitar

O concelleiro de Cultura anuncia que estes venres o teatro abre a programación estable do Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou hoxe que o vindeiro venres comeza a programación estable de artes escénicas do Auditorio Municipal, "cumprindo o noso compromiso". Na presentación do programa do primeiro mes e medio, que se desenvolverá do 1 de outubro ao 15 de novembro, o nacionalista salientou que o remodelado auditorio acollerá espectáculos teatrais, música e danza, para os que se poden mercar as entradas na web www.laboleria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.

martes, 28 set 2010
1285678197auditorio.JPG
Xesus López salientou que a programación recupera o programa "Con T de Teatro", que inclúe dúas seccións, unha destinada ao público adulto, que se desenvolverá os venres ás 21 horas e cun prezo de 7 euros a entrada, e outra para o público infantil e familiar, que terá lugar os domingos ás 18 horas cun prezo de 3 euros os rapaces menores de 12 anos e 5 euros os adultos. Para este programa poderanse adquirirse abonos dun mes para todas as funcións cun 25% de desconto sobre o prezo total.

As actuacións para o público adulto comezarán este venres coa obra "El título de este espectáculo no es mi madre", da compañía Sexpeare. Interpretada por Santiago Molero e Rulo Pardo, narra a historia dun home que acaba de morrer e na súa reencarnación emprende unha absurda fuxida que o levará até Galicia. A seguinte representación, "Go on!!", da compañía Malasombra será o 8 de outubro, na que Juse García e Xoque Carbajal plantexan, en clave de comedia, o reto da chegada do home a Galicia a través da ruta xacobea.

O concelleiro de Cultura sinalou que o 15 de outubro será Rober Bodegas o actor que se subirá ao escenario do auditorio para representar o monólogo "Un condón por se pillo!", na que lembra a chegada do seu despertar sexual e o paso de neno a home. O 22 de outubro terá lugar a representación da obra "Un cranio furado (A Skull in Connemara)", de Producións Teatrais Excéntricas, no que Víctor Mosqueira integra o elenco.

Xa en novembro, o día 5, a compañía Bambalinas Asesinas representará "Maté a un tipo". Con Sergio Pazos e Tonino entre os seus integrantes, esta comedia negra céntrase nas relacións dunha familia de clase media onde o hábito de matar acaba por converterse "nun auténtico vicio", segundo explicou o concelleiro de Cultura. Finalmente, o venres 12 de novembro, a compañía Eme2 Emoción&Arte pechará a programación adultos coa obra "Sexo? Por que non?", na que dende o humor se trata de rachar cos tópicos e os tabús da sexualidade.

Respecto ao programa dirixido ao público infantil, Xesus López avanzou que a primeira obra será o domingo 3 de outubro, coa representación de "El flautista mágico", a cargo de Teatro Paraíso Sal. A seguinte, o 10 de outubro, será un espectáculo de maxia que leva por nome "Atrapado na torre" e no que Chrystyan Magic tentará descubrirlle aos nenos e nenas a ilusión e a fantasía que se esconde nos contos.

O domingo, 17 de outubro, a compañía Títeres Trompicallo interpretará "Violeta Coletas contra as salchichas ¡gulp!", mentres que o día 24 terá lugar o seguinte espectáculo de maxia, "Nanomaxias", a cargo de Román García, que fará gozar aos nenos e nenas cunha sorprendente actuación. En novembro, o día 7, Galitoon representará a obra de monicreques "Rosalía, a pulga que escribía". Finalmente, o 14 de novembro, esta parte do programa "Con T de Teatro" rematará coa representación do número de maxia Máxico CIRCUS Cabaret: o Cabaret dos Números Descartados", a cargo da compañía de Cayetano Lledó.

Xesus López salientou que ademais do programa "Con T de Teatro" o auditorio municipal acollerá outras representacións teatrais, como a celebración dos 30 anos da compañía O Trasno, o día 16 de outubro, ás 20.30 horas, que terá entrada gratuíta. Ademais, do 25 ao 31 de outubro terá lugar a Semana de Teatro Afeccionado, organizada polo Concello de Vigo xunto á Federación de Centros Deportivos e Culturais. Convidou a participar a todas as compañías teatrais e explicou que un xurado elixirá as 7 que tomarán parte no certame. "O premio será participar no programa Vigo a escena 2011", indicou.

No tocante aos espectáculos musicais, o concelleiro de Cultura avanzou que o mércores 6 de outubro, ás 20.30 horas, terá lugar un concerto do cantautor portugués Joao Afonso, cun prezo de 10 euros. O seguinte mércores, 20 de outubro, ás 20:30 horas, celebrarase o concerto da Orquestra 430, que interpretará un programa integrado por obras de Mozart e Beethoven, e a entrada será de 5 euros. O terceiro espectáculo musical será o sábado, 13 de novembro, ás 20:30 horas, co concerto da Filhartrompía Quartet, unha formación nacida no seo da Real Filharmonia de Galicia co obxectivo de amosar ao público o repertorio de cámara para cuarteto de trompas. O prezo do concerto será de 5 euros.

Finalmente, Xesus López salientou que os días 13 e 14 de outubro, ás 20.30 horas, terá lugar o espectáculo de danza "Alicia & Alicia", a cargo de Produccións Artísticas (A Factoría Teatro/Disque Danza). "Queriamos ter un trato concreto e especial cara a danza", afirmou o concelleiro nacionalista a respecto desta actuacións, que terá un prezo de 5 euros. Pódese consultar toda a información no 010 e en www.vigocultura.org.
Descargar todas as imaxes