Escoitar

O Pleno require ao goberno municipal a posta en marcha de puntos limpos en Vigo

A moción presentada polo PP foi respaldada polo goberno local e reclama ao Concello "por en marcha no menor tempo posible os puntos limpos que necesita a nosa cidade". Por outra banda, a oposición tamén recabou a unanimidade plenaria para "rematar, presentar e executar o Plan Especial de Protección da fortaleza de Santa María e o Plan Director do Monte do Castro".

luns, 27 set 2010
A unanimidade dos tres grupos políticos con representación municipal -PP, PSOE e BNG- sacaron adiante sendas mocións presentadas pola oposición sobre a ubicación de puntos limpos e a execución do Plan Especial de Protección da fortaleza de Santa María e o Plan Director do Monte do Castro.

No primeiro dos casos, a moción defende que o Plan Xeral de Ordenación Municipal inclúe oito posibles ubicacións para os puntos limpos, e "é inconcebible que a primeira cidade de Galicia non dispoña dun complexo destas características", unha situación que "non pode esperar por máis tempo".

Na segunda decisión, igualmente adoptada coa unanimidade dos grupos, o Pleno insta ao goberno local a "rematar, presentar e executar o Plan Especial de Protección da fortaleza de Santa María e o Plan Director do Monte do Castro". O PP denuncia a "neglixencia" de non ter un plan de revalorización do Casto, "nin sequera un plan especial de protección da fortaleza, declarada Ben de Interese Cultural".