Escoitar

María Méndez presenta ao Pleno o primeiro Plan das Migracións municipal dunha cidade galega

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, resaltou hoxe no pleno da corporación municipal que Vigo é a primeira cidade galega en contar cun Plan das Migracións e Convivencia Intercultural. A edil do BNG defendeu a necesidade de que Vigo conte con esta ferramenta para potenciar "a integración das persoas estranxeiras", xa que é a cidade galega con máis persoas inmigrantes empadroadas, cun total de 17.000.

luns, 27 set 2010
María Méndez explicou que o plan ten cinco eixos de actuación que contemplan un total de 19 medidas de actuación a desenvolver durante catro anos. Explicou que a igualdade de oportunidades e de trato é un dos principios xerais do plan no obxectivo de acadar a integración, que "non quere dicir asimilación", puntualizou a concelleira de Benestar Social, "senón que debe ser birediccional". Para desenvolver os principios estratéxicos (integralidade, normalización, coordinación, corresponsabilidade, participación e flexibilidade) que contempla o plan, salientou que é necesaria "a participación de todas as áreas do Concello".

A nacionalista destacou que entre as medidas que contempla o plan figura os servizos de acollida, orientación laboral, en materia de vivenda e orientación xurídica, que se ofrecen xa na Oficina Municial das Migracións. Por outra banda, María Méndez apuntou que as Ubas contan cun servizo de tradución simultánea, que se potenciará ao longo deste ano co desenvolmento de dous convenios coa Escola de Idiomas e a Facultade de Tradución e Interpretación.

Outra das medidas que mencionou a concelleira de Benestar Social fai referencia ao programa de atención e información ás mulleres inmigrantes "en situación de vulnerabilidade". Co obxectivo de avanzar na sensibilización e loita contra o racismo e a xenofobia, indicou que xa se está traballando coas Anpas dos centros escolares e avanzou que nos vindeiros meses se porá en marcha unha oficina antidiscriminación.

O servizo de mediación intercultural consititúe outra das medidas que segundo María Méndez está xa funcionando no obxectivo de potenciar a convivencia e previr conflitos. Neste sentido mencionou o programa "En galego tamén noutros mundos" así como a implantación de programas de formación interna en inmigración e interculturalidade.

A concelleira de Benestar Social resaltou que outros dous aspectos do plan son o fomento da partipación cidadá e o asociacionismo das persoas estranxeiras, así como a análise das transformacións do fenómeno migratorio en Vigo. "Creo que todos e todas debemos felicitarnos por que Vigo teña este Plan das Migracións", dixo a nacionalista.