Escoitar

O Punto Xove acolle dende o vindeiro luns unha exposición fotográfica sobre Vigo e Londres

O Punto Xove de López de Neira acolle do vindeiro luns 27 de setembro e ata o 12 de outurbo unha mostra que leva por nome "Series fotográficas sobre Vigo e Londres", de Fernando Conde Lamas. A exposición poderá visitarse nestas instalacións da Concellería de Xuventude en horario de luns a venres de 9:30 a 14 horas e de luns a xoves de 17 a 20 horas e se completará cunha proxección o xoves 7 de outubro ás 19 horas.

venres, 24 set 2010
"Series fotográficas sobre Vigo e Londres" amosa unha colección de imaxes en cor e branco e negro, tomadas en diferentes localizacións. As fotografías de Galiza, principalmente tomadas en Vigo, procuran o detalle, a sorpresa ea visión de espazos e actividades da vida da nosa cidade, coa intención de mesturar o pasado e o presente e tratando de emular a estética das fotos antigas.

Respecto ás imaxes sobre Londres, foron tomadas no distrito de Brick Lane, un dos máis emblemáticos da capital británica polo seu colorido, multiculturalidade e tamén polo dinamismo e creatividade da xente moza que se achega para expoñer a súa arte, compartir as súas inquedanzas ou gozar dos seus locais de lecer.

Por outra parte, a Asociacion Faraxa impartirá o vindeiro martes o último obradoiro do ciclo de charlas de xénero que se desenvolveron neste mes de setembro no Punto Xove da Concellería de Xuventude. O título desta última xornada será "Prevención da violencia de xénero: Sensibilización contra o consumo de prostitución".

O obradorio, terá lugar o martes 28 de setembro ás 18:30 horas no Punto Xove, na rúa López Neira 27 e con aforo é limitado. Pódese obter máis información a través da páxina web da Asociación Faraxa http://asociacionfaraxa.blogspot.es/