Escoitar

O tenente de alcalde convida ao astronauta xaponés Soichi Noguchi a coñecer a cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, convidará ao astronauta Soichi Noguchi, que fotografou Vigo desde a Estación Especial Internacional a coñecer a cidade. O responsable de Turismo salientou a importante promoción da cidade que o xaponés fixo coa súa iniciativa de difundir, o pasado mes de marzo, a través da rede unha imaxe da nosa cidade desde o espazo e quere agora ofrecerlle a oportunidade de coñecela. "Se lle gustou desde o espazo, máis lle gustará desde a terra", asegurou.

xoves, 23 set 2010
A Concellería de Turismo iniciou xa as xestións para convidar formalmente ao astronauta tras coñecer o seu recente interese en visitar Vigo. Segundo o tenente de alcalde, o feito de que máis de 43.000 persoas descubriran a cidade e a súa ría grazas á acción de Soichi Noguchi foi unha gran acción de promoción turística. "A repercusión que tivo foi excelente para a cidade. Sen pretendelo tense convertido nun gran embaixador de Vigo e temos que aproveitalo", explicou.

O tenente de alcalde sinalou que sempre é ben recibida unha iniciativa que favoreza a promoción da cidade para complementar todo traballo de difusión que se está a facer nos últimos anos desde o departamento de Turismo. A este respecto lembrou a positiva repercusión que tivo para a cidade o feito de que The Guardian nomease Rodas como a mellor praia do mundo.

O nacionalista indicou que no caso de Soichi Noguchi a súa acción ten un valor engadido xa que ofrece unha visión de Vigo totalmente novidosa. "É a primeira vez que se ofrece ao mundo a difusión dunha imaxe da nosa cidade desde o espazo, a máis de 350 kilómetros de altura. Sen dúbida a oportunidade que nos ofreceu Noguchi ao utilizar Twitter para dala a coñecer ten un valor de promoción moi importante", afirmou.