Escoitar

María Méndez presenta o plan das migracións con 19 medidas para lograr a integración real da inmigración

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou hoxe o primeiro Plan das Migracións e Convivencia Intercultural de Vigo, que ten como obxectivo acadar a integración real das persoas inmigrantes. O plan define 19 medidas de actuación, a desenvolver ata o ano 2013, para favorecer a interculturalidade e a convivencia e facer de Vigo unha cidade de acollida e integración dunha poboación inmigrante que representa o 6% do censo.

mércores, 22 set 2010
1285167775Plan.JPG
A nacionalista explicou que os obxectivos fundamentais deste documento, o primeiro dunha cidade galega, son garantir o acceso das persoas inmigrantes aos servizos municipais e a todos os servizos da cidade en igualdade de condicións ao resto da cidadanía, así como adecuar a intervención social ás novas necesidades que orixina a chegada de estranxeiros á cidade. Establecerase tamén un sistema de acollida, especialmente dirixido aos que se atopen en situación de vulnerabilidade, e impulsarase a loita contra as diversas manifestacións da discriminación, o racismo, a xenofobia e calquera outra forma de intolerancia. Como último obxectivo María Méndez indicou que se crearán mecanismos para a formación dos profesionais relacionados con este ámbito.

A concelleira de Benestar Social sinalou que varias das 19 medidas propostas xa están en marcha como a Oficina Municipal das Migracións, a elaboración dunha guía para a integración e a convivencia, o servizo de tradución e interpretación lingüísticas, o programa "En galego tamén noutros mundos", o fortalecemento do Consello Municipal das Migracións ou o servizo de mediación intercultural que, segundo a nacionalista, "está funcionando moi ben".

Sen embargo, o plan define outro tipo de medidas como un servizo de apoio ao emprego e outro para facilitar o acceso á vivenda. A este respecto María Méndez indicou que "as persoas inmigrantes sofren máis discriminación a hora de querer alugar unha vivenda" e por iso unha das medidas que se van a facer é traballar coas axencias de alugueiro e tamén coa Cámara de Comercio de Vigo para favorecer o acceso á vivenda da xente estranxeira.

Un programa de sensibilización, unha oficina antidiscriminación, un programa denominado "Somos novos e diversos" que estará dirixido á mocidade, ou o fortalecemento asociativo son outras das actuacións que María Méndez adiantou que se van a desenvolver. María Méndez adiantou que quere seguir ampliando o orzamento para ir dando resposta a todas as necesidades que o documento ten desvelado para acadar a plena integración do colectivo inmigrante.

A concelleira salientou que este foi un plan elaborado de forma moi participativa, xa que na súa elaboración contouse coa colaboración de diferentes entidades e colectivos relacionadas co feito migratorio. O documento levarase a aprobación do pleno o vindeiro luns.
Descargar todas as imaxes