Escoitar

O alcalde presentou a "sobria" programación do Bicentenario, con concertos, exposicións, debates e un selo conmemorativo

Abel Caballero avanzou hoxe xoves a programación municipal para a conmemoración do Bicentenario da cidade, que caracterízase pola súa "austeridade e sobriedade". As actividades inclúen exposicións, concertos, xornadas de debate, teatro, libros, un certame poético, un selo de Correos conmemorativo, sorteos da ONCE e da Lotería Nacional especiais do Bicentenario e a inauguración o 27 de outubro da Praza do Bicentenario, coa escultura de acero de Silverio Rivas.

xoves, 30 set 2010
1285849436bicentenario.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves os actos conmemorativos do Bicentenario da cidade, unha programación marcada pola "austeridade e a sobriedade" e que terá a súa gran xornada coa inauguración da Praza do Bicentenario o 27 de outubro.

O rexedor vigués presentou as actividades acompañado polo tenente de alcalde e membros da Corporación Municipal, polo presidente de Caixanova, os xerentes da Fundación ProVigo e do Instituto Feiral de Vigo, o director xeral de VITRASA, os directores de Faro de Vigo e RadioVigo, ademais de representantes da Escola Superior de Arte Dramática, do Conservatorio Superior de Música, de Outro Vigo é Posible, da Cooperativa Galega de Autotaxis e de distintos clubes deportivos da cidade.

Polo Bicentenario editaranse dúas publicacións sobre a historia de Vigo e das 200 principais personalidades da cidade, distribuidas a través de Faro de Vigo; organízase un certame poético coa participación de máis de 30 poetas, unha mostra pictórica con outros tantos artistas vencellados á urbe olívica e dous concertos do Conservatorio Superior de Música, actos nos que colabora a Fundación Vigueses Distinguidos.

Coa participación de Outro Vigo é Posible, o Bicentenario sumará as xornadas "Vigo no Diván", mesas redondas de debate sobre a cidade de Vigo e o seu futuro, integradas por distintas e relevantes personalidades. O teatro únese á celebración con cinco días de representacións a cargo da Escola Superior de Arte Dramática.

Abel Caballero indicou que "queremos que o Bicentenario ocupe o seu lugar en España", tras o que anunciou que haberá sorteos conmemorativos do Bicentenario vigués tanto da ONCE como da Lotería Nacional, para o que editaranse sendos décimos especiais para a ocasión. Igualmente, Correos distribuirá un selo da efeméride viguesa. Igualmente emisoras estatais de radio emitirán programación especial desde Vigo.

Os actos de celebración desta efeméride para a cidadanía viguesa terán como data simbólica o 27 de outubro, coa inauguración da Praza do Bicentenario -na confluencia de Camelias con Marqués de Alcedo e Venezuela-. Alí ubicarase unha escultura de acero de Silverio Rivas que representa todas as parroquias viguesas.

O alcalde de Vigo concluíu a súa presentación pública da programación afirmando que estas actividades procuran ser un "recoñecemento" para todos os vigueses e viguesas da historia da cidade, tanto as personalidades coñecidas como polos cidadáns "anónimos".
Descargar todas as imaxes