Escoitar

Caballero saúda que os orzamentos do Estado de 2011 contemplen "todas as demandas da cidade" co "financiamento que precisan"

O alcalde de Vigo eloxiou hoxe venres os orzamentos do Estado de 2011, que inclúen "todas as demandas da cidade" e "co financiamento que necesitan", polo que concluíu que "Vigo é a cidade mellor tratada de España". Caballero salientou as partidas de Fomento para Vigo que "garanten" o aeroporto, a alta velocidade e as autovías, onde subliñou a ampliación da ponte de Rande. "Non se pode gastar máis do que aparece nos orzamentos", asegurou.

venres, 1 out 2010
1285935788017.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saudou este venres os orzamentos "magníficos" do Estado para 2011, que inclúen "todas as demandas da cidade" co "financiamento que precisan".

"Vigo é a cidade mellor tratada de España", aseverou o rexedor, no tocante ás contas do Goberno de España para o vindeiro ano e recoñeceu particularmente o "esforzo inigualable" do ministro de Fomento, José Blanco. No contexto actual de crise, Caballero eloxiou que para Vigo "non se recorta nada" e "non se pode gastar máis do que aparece nos orzamentos".

O alcalde detallou que o Estado consigna "todo o investimento que demandabamos" nas melloras do aeroporto de Vigo -o aparcadoiro e a nova terminal, fundamentalmente- e na nova estación de Urzáiz, onde se inclúe a parte ferroviaria e ADIF pagará o edificio e a zona comercial. Igual sucede cos 70 millóns de euros destinados a ampliación da ponte de Rande -a pagar a través da xestora, Itínere-, co que "está contemplado e garantido polo Ministerio de Fomento".

Sobre a Alta Velocidade, Cabalero indica no túnel de acceso que "se remata a obra" e na conexión con Ourense vía Cerdedo explicou que "seguimos o calendario previsto" ao aparecer a cantidade precisa para os estudos e, na memoria, que a licitación e contratación da obra será con financiamento público-privado, polo que non consta partida nos PGE.

A futura autovía a Porriño ten previsto unha partida orzamentaria para os proxectos previos que están en marcha e rematarán en 2012 debido á "complexidade" dos mesmos ao ser o traxecto en túnel. Na alternativa gratuita a Pontevedra acontece como co AVE por Cerdedo, coa inclusión dos cartos para os proxectos e o financiamento público-privado para a obra.

Na nova depuradora, o Estado inclúe para 2011 o que lle corresponde asumir segundo o convenio asinado co Concello de Vigo e coa Xunta de Galicia, e os paseos marítimos de Alcabre e Samil serán deseñados a través do capítulo xenérico de "recuperación do litoral".

Biblioteca do Estado
Os orzamentos do Goberno de España para 2011 inclúen unha partida de 20.000 para esta dotación cultural, o necesario para o proxecto, explicou Caballero, xa que o Ministerio aínda non ten a proposta de ubicación definitiva, o que depende do Concello.

"Respondo eu", afirmou Caballero sobre a localización da Biblioteca, quen explicou que "buscaremos a mellor ubicación posible" aunque implique retrasar a súa chegada á cidade. O alcade defende actuar con "paciencia" ata acadar a solución "óptima": "se hai que agardar, agardo", zanxou, mais avanzou que en 2011 estará o solo dispoñible pero non haberá tempo para nada máis que os proxectos previos.
Descargar todas as imaxes