Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que o alumeado de Nadal será como o ano pasado e acenderase o 3 de decembro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, comunicou hoxe aos representantes das diferentes asociacións de comerciantes de Vigo que o alumeado de Nadal acenderase este ano o 3 de decembro e non haberá redución en relación ao ano pasado. Segundo explicou, as asociacións están de acordo con esta programación, aínda que tamén indicou que quedou aberta a posibilidade de que se algunha rúa principal quedara sen alumeado se estude a posibilidade de incorporala.

xoves, 18 nov 2010
1290088081comerciantes.jpg
O nacionalista sinalou ao remate da xuntanza que explicou aos comerciantes que nestes tempos de crise e dificultades económicas "parece máis prioritario investir en axudas directas ao pequeno e mediano comercio que ampliar o alumeado de Nadal". A este respecto adiantou que nunhas semanas entregaranse as axudas aos máis de 1.700 establecementos da cidade que este ano optaron ás subvencións que concede a Concellería de Comercio. O tenente de alcalde fixo referencia a que "con estas axudas facemos un esforzo orzamentario importante para que un sector tan importante como é o comercio de proximidade afronte a crise".

A inauguración do alumeado terá lugar o venres, 3 de decembro, ás 18 horas na Porta do Sol, e manterase ata o 6 de xaneiro. Santi Domínguez explicou que manterase o horario do ano pasado, e dicir, de 18 a 22 horas agás nas datas máis sinaladas, como os días da ponte, 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro, que se prolongará ata as 3 da madrugada.
Descargar todas as imaxes