Escoitar

O festival Curtopía estrea mañá venres "Cromoterapia", un proxecto de curtametraxes impulsado pola Concellería de Xuventude

No marco do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtopía, celébrase mañá a estrea de "Cromoterapia", ás 22.30 horas no cine Salesianos. Trátase dun proxecto de sete curtametraxes realizado por mozos e mozas de Vigo e impulsado pola Concellería de Xuventude. É o resultado de dez meses de traballo que comezou co proxecto de dinamización xuvenil municipal dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 20 anos, no que se lles ofertaba a posibilidade de formarse en obradoiros relacionados co audiovisual impartidos por profesionais, e desenvolver un proxecto creativo realizando curtametraxes

xoves, 18 nov 2010
A motivación de "Cromoterapia", segundo explican os seus creadores, nace da idea de que a enerxía da luz a diferentes frecuencias, (tamén coñecida coma cores) e se emprega como elemento curativo, antidepresivo, estimulante, rexenerativo e mantedor do equilibrio e a harmonía. Precisamente esta utilización da enerxía das cores coñécese como cromoterapia de forma que aínda que os autores non pretenden curar a ninguén, queren amosar a inspiración que cada quen ten empregando cada cor. De aí que sete cores representan sete temas, sete historias e sete curtametraxes.

Así, cada curtametraxe conta cos seus propios responsables, de xeito que de "Verde" os directores son Helena Lopo e Ricardo Blanco; de "Azul" é Loreto Sotelo; de "Púrpura", Yaiza Jarabo; de "Marrón", Pedro González; de "Branco", Alba Escudero e Carlos Martínez-Peñalver; de "Gris", Óscar Raña; e de "Negro", Alicia Francés, Marina González e Gabriel Gallur.

Nas diferentes sesións formativas do proxecto participaron un total de 23 mozos e mozas, dos cales 19 encargáronse de deseñar e desenvolver "Cromoterapia", dende a escritura do guión ata os últimos detalles da posprodución. Ao longo do proceso os creadores foren quen de asumir todos os roles, como operador de cámara, guionista, técnico de son, iluminación ou maquillaxe, entre outros. Ademais, nas curtametraxes participaron 30 actores e actrices afeccionados da cidade.