Escoitar

Santi Domínguez di que está en xogo o dereito á atención sanitaria e anima a ir a manifestación do domingo en Santiago

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, mantivo este mércores unha xuntanza coa Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, tra a cal manifestou a preocupación do BNG polo afán privatizador do PP dende que chegou á Xunta de Galiza. Asegurou que está en xogo "o dereito universal da cidadanía a recibir atención sanitaria libre e gratuíta", polo que fixo un chamamento a "acudir en masa" á manifestación que terá lugar o vindeiro domingo, 21 de novembro en Santiago, en defensa da sanidade pública.

mércores, 17 nov 2010
1290001787Sanidade.JPG
Para o tenente de alcalde, cos acontecementos que se veñen sucedendo dende a chegada do PP ao Goberno galego "está en xogo algo máis que a construción dun hospital". Alertou de que o PP "quere cargarse o sistema público sanitario", facendo ver que é inviable e que non hai recursos para mantelo, "co fin de privatizalo", algo inaceptable segundo o nacionalista.

Santi Domínguez criticou as "fórmulas copago" e lembrou que foi o anterior goberno de Fraga, co actual presidente da Xunta, o que puxo en marcha as fundacións, "que resultaron inservibles e máis caras". Como "exemplo claro de despilfarro" Santi Domínguez citou a construción do novo hospital de Vigo, xa que ao seu xuízo custará "moitos millóns máis que se fora licitado só con cartos públicos".

O tenente de alcalde denunciou tamén que os recursos para pagar o futuro complexo hospitalario da cidade sairán dos petos "de todos os galegos e galegas". Ademais, afirmou que este financiamento tamén suporá un problema de atención. "Coa construción deste hospital quérese poñer ás persoas en mans das empresas, que só buscan a rendabilidade económica", subliñou. Para o nacionalista "coa saúde das persoas non se pode xogar" e sinalou que non se trata de estradas ou infraestruturas o que se vai a atender no novo centro. "Nós seguimos apostando pola sanidade pública e gratuíta, financiada con parte dos salarios dos traballadores e traballadoras", afirmou.

Preguntado pola renovación do convenio con Povisa, Santi Domínguez asegurou que é o "resultado das políticas de concertación coa sanidade privada" que o BNG sempre denunciou. Explicou que as negociacións chegan nun momento no que os intereses da empresa "se meten polo medio" e propician que 1.500 postos de traballo estean en xogo. "Se Povisa fora un hospital da rede pública isto non acontecería", subliñou.

O tenente de alcalde expresou a solidariedade dos nacionalistas cos traballadores e traballadoras de Povisa, pero sinalou que a Xunta "ten que implementar a rede pública sanitaria, porque é a única garantía de estabilidade e de atención". Manifestou o compromiso do BNG de "seguir traballando" tanto no Parlamento galego como no Concello de Vigo a prol da sanidade pública. Neste sentido avanzou que o grupo nacionalista presentará unha moción no vindeiro pleno "para reclamar da corporación o apoio unánime ao sistema público e o rexeitamento de fórmulas privatizadoras".
Descargar todas as imaxes