Escoitar

Eudosio Álvarez anuncia que o programa de rehabilitación de vivendas inclúe 80 novas actuacións no Casco Vello e Bouzas

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou este martes a nova fase do programa municipal de axudas á rehabilitación de vivendas no Casco Vello e Bouzas, que afondan na recuperación dos barrios e na dinamización do sector. O nacionalista destacou que serán un total de 80 actuacións, 58 no Casco Vello e 22 en Bouzas, cun orzamento global de execución 3.225.000 euros dos que 1.800.000 están protexidos, pese a que segundo criticou o concelleiro nacionalista a Xunta aínda non fixo pública a súa convocatoria de axudas.

martes, 16 nov 2010
1289914596rehabilitacion.JPG
Eudosio Álvarez amosou a súa satisfacción polo ritmo no que se están producindo as rehabilitacións nos dous cascos vellos da cidade e salientou que 80 actuacións "dadas as circunstancias económicas e sociais parecen un número moi importante". Explicou que este ano conflúen dúas circunstancias que o diferencian de convocatorias anteriores. Por un lado indicou que a situación de crise xeneralizada "dificulta os procesos de xestión económica", xa que a cidadanía non ten excesivos recursos. "As persoas que expresan o seu interese por acometer as reformas teñen un nivel de ingresos medio-baixo, polo que fan un esforzo considerable para facer estas rehabilitacións" asegurou.

Segundo o concelleiro nacionalista, esta situación empeorou debido á actitude da Xunta, que motivou a limitación das axudas aos dous cascos históricos a 11.000 euros. Apuntou que notouse un "efecto disuasorio á hora de presentar as solicitudes", nomeadamente a partir do mes de xuño. "Son factores que xogaron en contra da xestión, pero estamos contentos polo proceso grazas ao traballo da Oficina de Rehabilitación do Concello, que foi capaz de ir concitando a vontade da xente para solicitar as axudas", asegurou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que as 58 actuacións previstas no Casco Vello teñen un orzamento total de 2,4 millóns de euros, un orzamento protexido de 1,5 millóns de euros e unhas axudas de 548.000 euros, de xeito que a subvención abrangue o 34,65% do orzamento protexido. Desas 58 actuacións, o 36% correspóndese a vivendas que serán utilizadas para uso propio e o 64% para alugueiro. Respecto ás 22 actuacións de Bouzas, Eudosio Álvarez sinalou que implican un orzamento de 746.000 euros, dos que 711.000 euros están protexidos e 215.000 euros serán achegados pola administración, que é un 30% de orzamento protexido. Das 22 actuacións previstas 12 serán para uso propio e 10 destinadas a alugueiro.

O nacionalista salientou que tanto no Casco Vello como en Bouzas, as actuacións de rehabilitación están situadas en espazos "moi coñecidos e visibles". Citou os exemplos dos inmobles ubicados no Paseo de Alfonso e as rúas Real, Santiago, II República, Oliva, Triunfo, a Praza da Constitución e a Subida ao Castelo. Ao respecto apuntou que esta remodelación completará a actuación do Consorcio do Casco Vello.

Eudosio Álvarez expresou o seu orgullo polo traballo realizado, xa que supón "un esforzo enorme tanto dende o punto de vista técnico como emocional e social". Subliñou que as actuacións animarán aos sectores da construción e comercial, ao propiciar a implantación de novos establecementos nestas zonas. "Cremos que a nosa obriga, coas condicións que temos, é seguir pelexando polo Casco Vello e por Bouzas", manifestou.

A directora da Oficina Municipal de Rehabilitación, Ana Sánchez, en resposta aos medios sobre as consecuencias da redución da Xunta, explicou que as maiores reticencias para solicitar as subvencións afectaron á rehabilitación completa dos edificios. Segundo apuntou estas actuacións requiren "un maior apoio das administracións". En total dixo que foron 15 as vivendas que quedaron fóra das axudas, pero asegurou que o proceso de rehabilitación está "nun moi bo momento". Neste sentido destacou que hai xente moza que se incorpora ao proceso e persoas que manifestan o seu interese por mercar edificios completos. "A rehabilitación é un proxecto de fondo e constante, non é un proxecto que se fai dun día para outro", subliñou.
Descargar todas as imaxes