xoves, 18 novembro 2010

O alcalde iniciará con ProVigo unha rolda de contactos para definir o "enfoque" da cidade sobre as rutas de Peinador

Abel Caballero asegurou este xoves que iniciará co Comité Permanente de ProVigo -o próximo martes- unha rolda de contactos coas "forzas sociais e económicas" da cidade para estudar o "enfoque" que adopta Vigo ante a "grave situación" das conexión aéreas do aeroporto. O alcalde afirmou que este é un "problema cidade" polo que buscará a opinión de todos para tomar decisións ante o "agravio" da Xunta de Galicia a Vigo, que propón seis voos para Santiago e dous para a cidade olívica.

O alcalde e a ANPA solicitarán "conxuntamente" á Xunta de Galicia solventar as "serias deficiencias" do colexio Castelao de Navia

xoves, 18 nov 2010

Tras unha reunión cos pais e nais do centro, Abel Caballero anunciou este xoves o envio dun escrito á Consellería de Educación da Xunta -conxuntamente coas nais e pais e a dirección do colexio- para que mellore as condicións do centro escolar Castelao de Navia. O alcalde invitará ao conselleiro a coñecer persoalmente unha zona na que habita maioritariamente xente nova con nenos e nenas "en idade escolar".

Santi Domínguez salienta que a reforma da Praza de Diego Santos devolve un espazo emblemático á veciñanza de Bouzas

xoves, 18 nov 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este xoves a remodelación do contorno da Praza de Diego Santos, que contou cun investimento de 261.000 con cargo ao Plan FEIL. O nacionalista afirmou que coas obras realizadas devólvese "un espazo emblemático aos veciños e veciñas de Bouzas" e expresou o seu compromiso de seguir traballando polo barrio co inicio do proceso de compra da Casa do Patín e novas humanizacións, como a rúa Ferreiros.

Caballero asegura que vanse "intensificar" os cursos gratuitos municipais de uso do DNI electrónico

xoves, 18 nov 2010

O alcalde de Vigo visitou no Casco Vello un dos cursos de formación que imparte gratuitamente o Concello nos catro centros cívicos da cidade, clases nas que sobre 60 alumnos e alumnas están a aprender o uso "enormemente util" do DNI electrónico, ao tempo que reciben de balde un lector. Caballero explicou que "imos intensificar estes cursos" sobre a administración electrónica.

O tenente de alcalde anuncia que o alumeado de Nadal será como o ano pasado e acenderase o 3 de decembro

xoves, 18 nov 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, comunicou hoxe aos representantes das diferentes asociacións de comerciantes de Vigo que o alumeado de Nadal acenderase este ano o 3 de decembro e non haberá redución en relación ao ano pasado. Segundo explicou, as asociacións están de acordo con esta programación, aínda que tamén indicou que quedou aberta a posibilidade de que se algunha rúa principal quedara sen alumeado se estude a posibilidade de incorporala.

O pleno xuvenil abordou hoxe un intenso debate sobre as vantaxes e riscos das redes sociais

xoves, 18 nov 2010

O salón de plenos do Concello de Vigo acolleu este xoves a décima segunda edición do pleno xuvenil, no que participaron alumnos e alumnas de primeiro de Bacharelato do IES Politécnico, IES Teis, IES Rosais 2, e Salesianos. Tras as palabras de benvida do alcalde da cidade, o tenente de alcalde e a concelleira de Benestar Social, procedeuse ao desenvolvemento do acto, co que se quere garantir a participación efectiva dos máis novos e novas na vida do municipio como cidadáns e cidadás de pleno dereito.

O festival Curtopía estrea mañá venres "Cromoterapia", un proxecto de curtametraxes impulsado pola Concellería de Xuventude

xoves, 18 nov 2010

No marco do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtopía, celébrase mañá a estrea de "Cromoterapia", ás 22.30 horas no cine Salesianos. Trátase dun proxecto de sete curtametraxes realizado por mozos e mozas de Vigo e impulsado pola Concellería de Xuventude. É o resultado de dez meses de traballo que comezou co proxecto de dinamización xuvenil municipal dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 20 anos, no que se lles ofertaba a posibilidade de formarse en obradoiros relacionados co audiovisual impartidos por profesionais, e desenvolver un proxecto creativo realizando curtametraxes