martes, 3 xuñ 2008
"Apoiar o pequeno e mediano comercio vigués, eixo fundamental na creación de emprego", é un dos principais obxectivos dun novo programa de dinamización que dende o vindeiro 9 de xuño se desenvolverá en sete zonas comerciais da cidade, segundo salientou este martes o tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Industria e Turismo, Santi Domínguez. Así, cunha duración dunha semana por zona, o punto de partida da campaña "Festa do Comercio" será O Calvario, para pasar posteriormente a Teis, As Travesas, Bouzas, Centro, Vigo Vello e rematará na rúa do Príncipe a finais de ano.
luns, 2 xuñ 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acompañado do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, fixeron hoxe balance do resultado da candidatura de Vigo á Universiada de Verán 2013. Domínguez quixo comezar a súa intervención agradecendo novamente a participación da cidade de Vigo na Universiada por "facernos sentir tanto orgullo durante a nosa presentación de polo que despois escoitamos sobre Vigo".
mércores, 21 mai 2008
"Vigo ten imaxinación e creatividade, e por iso queremos sorprender en Bruxelas", subliñou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na presentación das diversas iniciativas que se levarán a cabo ata o 30 de maio, día no que a delegación viguesa da Universiada 2013 viaxará á capital belga. Entre estas iniciativas figura a recollida de 500 pares de zapatillas usadas e o seu traslado a Bruxelas, "como mostra do do apoio da cidadanía á candidatura viguesa e do seu compromiso coa coa reciclaxe".
mércores, 21 mai 2008
"A celebración da Reconquista do 2009 non pode pasar como unha festa máis", salientou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na presentación do programa deseñado para esta conmemoración, que coincide co Bicentenario da cidade. Así, a programación converterá a cidade nunha grande festa, coa celebración dun amplo abano de actividades, entre as que figuran a creación dun portal de Internet sobre a Reconquista e a programación do 2009, unha gran exposición, un simposio internacional, teatro na rúa, un trofeo de traiñeras e actividades escolares. "Este é o programa que xa está pechado, pero pode ampliarse nos vindeiros meses", sinalou o tenente de alcalde.
luns, 19 mai 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este luns un novo proxecto que será coordinado dende a Tenencia de Alcaldía e será desenvolvido polas concellerías de carácter social do Concello Vigués. Trátase da Carta Viguesa da Calidade de Vida, que segundo anunciou o tenente de alcalde servirá para "planificar os eidos nos que é preciso mellorar a calidade de vida da cidadanía a longo prazo" e espera que sexa aprobada polo pleno da corporación nun ano.
mércores, 7 mai 2008
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia trasladou este martes o seu apoio á candidatura de Vigo para acoller a Universiada no 2013, segundo explicou o tenente de alcalde, Santi Domínguez tras a reunión que mantivo con varios representantes desta entidade. Ademais, o tenente de alcalde indicou que entre os temas tratados no encontro figura a celebración na cidade do primeiro congreso internacional de Enxeñería Civil.
mércores, 7 mai 2008
"Acabar coas etapas de indefinición á hora de defender as nosas tradicións" é un dos obxectivos da programación coordinada dende a Tenencia de Alcaldía do Concello de Vigo con motivo da celebración do Día das Letras Galegas deste ano, segundo apuntou este martes o tenente de alcalde, o nacionalista Santi Domínguez. "O programa cultural inclúe actividades deportivas, culturais e lúdicas, como unha nova edición do Camiña e Coñece e un xantar romaría, porque se pode disfrutar coa música ou xantando en torno á nosa cultura e os nosos valores", subliñou o tenente de alcalde, quen na presentación das actividades estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.
luns, 5 mai 2008
"Lamento a visión absolutamente parcial ofrecida nun programa de televisión do Casco Vello de Vigo", subliñou este luns o tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello, o nacionalista Santi Domínguez, en referenza a emisión o pasado venres do programa "Callejeros" de Cuatro grabado na zona histórica da cidade. "E digo parcial e non falsa, porque a información que se ofreceu é veraz, pero non reflicte o conxunto do Casco Vello vigués", sinalou o tenente de alcalde, quen lembrou que o problema "non é que esta situación saia na televisión, senón que exista".
mércores, 23 abr 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou hoxe pola mañá na celebración do Día Internacional do Libro, sumándose ao acto organizado pola comunidade educativa do colexio Seis do Nadal. Santi Domínguez foi invitado a abrir a lectura por relevos que se desenvolveu no centro escolar e na que se implicaron todos os cursos.
A Vila Universitaria, unha das proposta, disporá de 2.500 vivendas que, tras o evento, se destinarán aos xoves e ao persoal da Universidade de Vigo
mércores, 23 abr 2008
Logo do éxito acadado coa explicación da candidatura viguesa aos membros da Comisión Avaliadora da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU), o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixeron público o proxecto da cidade, unha proposta "realista, respectuosa con medio ambiente e sen obras faraónicas" para que o legado en infraestruturas poida ser "empregado no futuro por todas e todos".