Escoitar

Vigo centrará os seus esforzos en avanzar a súas infraestructuras e en reforzar os apoios internacionais para a candidatura do 2015

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acompañado do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, fixeron hoxe balance do resultado da candidatura de Vigo á Universiada de Verán 2013. Domínguez quixo comezar a súa intervención agradecendo novamente a participación da cidade de Vigo na Universiada por "facernos sentir tanto orgullo durante a nosa presentación de polo que despois escoitamos sobre Vigo".

luns, 2 xuñ 2008
1212410543balanceuniversiada.jpg
Domínguez, recoñeceu o poderío da candidatura de Kazan dende o primeiro momento e "cando chegamos alí aínda foi maior", e neste aspecto quixo felicitar aos gañadores pola consistencia e seriedade do seu proxecto. O tenente de alcalde salientou que segundo os datos que van chegando "mesmo puido chegar a producirse unha votación por unanimidade en favor de Kazan", malia que no último momento o bloque asiático puido desmarcarse.

O impulsor da candidatura explicou que neste tipo de procesos é habitual que os votos se consigan por grupos de países, algo co que Kazan xa contaba. "A Vigo lle faltou tempo e agora temos a experiencia para chegar cun bloque de votos asegurados, porque xa temos o proxecto feito". Santi Domínguez foi coñecedor de que houbo un momento no que a candidatura rusa estivo "preocupada polo proxecto vigués" e por iso, "mentres nos elaborabamos o noso dossier, eles aseguraban votos". "Creo que gañamos peso mundial, e aínda que soubera con antelación que Vigo non acadaría nin un voto, a presentación se faría igual porque sentimos unha gran emoción e foi un orgullo escoitar a gaita de Budiño e ver as caras dos representantes de FISU". O tenente de alcalde adiantou que a partir de agora todos os esforzo se centrarán en reforzar as infraestructuras, sacando a concurso os proxectos da Cidade do Deporte e da remodelación de Balaídos. Domínguez quen rematou a súa intervención recalcando o agradecemento os vigueses e as viguesas pola súa implicación co proxecto e pensando xa no 2015: "Comezaremos a traballar despois do verán analizando os cambios que se deberán facer no equipo de traballo e no propio proxecto".

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso, salientou o alto nivel deportivo que acadou a cidade. Alonso lembrou que todo o proxecto elaborado para a Universiada de Verán 2013estivo baseado nas necesidades reais da cidade, polo que "xa temos un proxecto a longo prazo" no que a infraestructuras se refire. Por outra banda, o responsable municipal da cidade tamén salientou a gran relación acadada entre Concello e Universidade de Vigo no que a realización de eventos deportivos se refire. "Xa temos en marcha o Campionato do Mundo de Hockey para o vindeiro ano e estamos en conversas para traermos a Vigo os Campionatos Europeos de Judo e Taewondo", sinalou Xabier Alonso.

O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, amosou a súa satisfacción coa actuación de Vigo en Bruxelas e, seguindo a intervención do concelleiro de Deportes, dixo que os vindeiros Campionatos Mundiais de Deporte Universitario serán unha das consecuencias desta candidatura. "Con isto xa gañamos", salientou Gago, afirmando tamén que "temos tempo para mellorara o proxecto e a estratexia" de cara ao 2015. Neste senso, Gago destacou os contactos internacionais acadados no ámbito deportivo que poden brindar asesoramento e apoio para o futuro. Finalmente, Alberto Gago dixo que a partir de agora haberá que estar atentos ás cidades candidatas, non por medo senón para que Vigo poida xogar ben as súas cartas.
Descargar todas as imaxes