Escoitar

Os novos aparcadoiros de Jenaro de la Fuente e Castelao comezarán a construirse en xullo

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns os proxectos construtivos dos aparcadoiros soterrados de Castelao, Jenaro de la Fuente e Rosalía de Castro. Os dous primeiros poderán iniciarse "no prazo dun mes", segundo adiantou o alcalde, mentres que no de Rosalía de Castro continúan a realizarse as catas arqueolóxicas previas.

luns, 2 xuñ 2008
Os futuros aparcadoiros de Castelao e de Jenaro de la Fuente comezarán a construírse "no prazo dun mes", informou o alcalde. A Xunta de Goberno Local que tivo lugar este luns aprobou os proxectos construtivos de ambos parkings xunto co de Rosalía de Castro, en fase de realización das catas arqueolóxicas previas.

Abel Caballero avanzou que o Concello está a ultimar o plan de tráfico de cara ao inicio das obras, e salientou o "bo funcionamento" das alternativas ofertadas para os vehículos por mor das obras do aparcadoiro de Policarpo Sanz.

Segundo estableceu a Xunta de Goberno Local, a empresa concesionaria do servizo integral de augas de Vigo, Aqualia, elaborará un estudo encargado de ditaminar a posible ampliación dos colectores de Jenaro de la Fuente, antes da realización da obra.

Padrón da recollida de lixo
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o padrón fiscal para este 2008 da recollida de lixo industrial e das vivendas particulares. Segundo deu conta o alcalde, o número de inscricións recollidos no padrón de recollida de lixo industrial aumentou un 5,02%, pasando de 20.770 aos 21.183 actuais. Así, a previsión de recadación ascende aos 5.402.000 euros, un 3,18% máis dos 5.235.000 euros do pasado ano.

No tocante á recollida nas vivendas, o padrón rexistra un incremento dun 2,7% no número de inscricións, 133.276 en 2008 polos 129.763 un 2007. Deste xeito, a previsión de recadación tamén se incrementa nun 5%, xa que acada os 9.587.000 euros, polos 9.129.000 euros do pasado exercicio.

Familia de Sampaio
O alcalde informou en rolda de prensa da subvención que o Concello de Vigo lle outorgou á familia de Sampaio afectada por unha sentenza xudicial de derrubo. A achega, aprobada na Xunta de Goberno, responde á "situación económica difícil" do núcleo familiar e cubrirá cos 5.500 euros destinados o pago do aluguer durante un ano ata que atopen unha vivenda definitiva.