Escoitar

Santi Domínguez realiza un balance positivo do primeiro ano de goberno pero anima a superar os erros

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, valorou positivamente este martes o primeiro ano de Goberno municipal, aínda que anima a superar os erros cometidos no transcurso destes doce meses. "Temos que facer unha valoración dende a responsabilidade e a autocrítica", subliñou o tenente de alcalde, quen estivo acompañado polos concelleiros e concelleiras do BNG no Concello de Vigo, María Méndez, Xabier Alonso, Iolanda Veloso, Xesus López e Elena Maure.

martes, 17 xuñ 2008
1213709914balancebng.jpg
"Estou feliz porque este ano tiven a posibilidade de traballar para a miña cidade", sinalou o tenente de alcalde, quen asegurou que o mellor deste ano de goberno foi "ter traballado cun equipo como o que conforma o grupo municipal do BNG,poñendo unhas enormes gañas para traballar pola xente". Neste sentido lembrou que "traballar para a xente" foi un dos compromisos asumidos durante a campaña das eleccións muncipais do 2007, "e iso é o que estamos facendo". Ao respecto, Santi Domínguez sinalou que as concelleiras do BNG non son as dos grandes proxectos, senón as que inciden directamente na cidadanía "e non escatimamos esforzos en escoitar as demandas da cidadanía".

Santi Domínguez indicou que "non todo é grandioso, senón que tamén se cometen erros", e neste sentido indicou que hai que "mellorar as áreas transversais e a coordinación para deixar de pensar que unha parte de goberno fai oposición da outra". Precisou que é necesario "esqucer falsos protagonismos e colgar as medallas de quen fai cada cousa". Ao respecto criticou o feito de que pouco despois de que as áres do BNG puxeran en marcha o programa Camiña e coñece, as áreas do PSOE iniciaran o Camiña e camiña. "O normal sería que houbese unha soa programación dende o Concello", subliñou.

"Non pode ser que nos enteremos pola prensa de que o alcalde fai unha valoración do goberno, porque queremos que o alcalde sexa o alcalde de todos", salientou Santi Domínguez, quen reiterou a súa posta a disposición "para facer un goberno de esquerdas e nacionalista, que é o que dixo a cidadanía nas eleccións". Ao respecto, sinalou que o alcalde non pode ver ao BNG "como oposición", porque, segundo subliñou o tenente de alcalde, "o BNG non quere ser oposición, e por iso votou a Abel Caballero como alcalde". Lembrando a condición de respecto ao BNG que manfiestou na noite electoral para apoiar a Caballero, reclamou que o alcalde cumpra "ese respecto ao BNG".

Porén, o tenente de alcalde asegurou que a cidade "ten avanzado nestes doce meses" e como exemplo mencionou que este goberno está facendo un "traballo riguroso" en Economía e Facenda, polo que quixo felicitar á concelleira Raquel Díaz por ter traballado para que a cidade "tivera uns orzamentos en tempo e hora por primeira vez". Neste mesmo sentido se pronunciou respecto á Concellería de Vías e Obras en canto ás humanizacións que se están a levar a cabo. "O BNG foi pioneiro en romper barreiras, polo que temos que aplaudir o que se está a facer" sinalou, ao tempo que mencionou a colaboración deste departamento coas concellerías de Patrimonio Histórico e Cascos Históricos. Tamén quixo felicitar ao goberno pola aprobación do PXOM e en particular "aos socios de goberno por ter mudado a súa opinión de actitude e boicot a unha actitude de traballo pola cidade". Ademais, sinalou a colaboración existente entre a Concellería de Comercio e a de Seguridade, co obxectivo de establecer a ordenanza de terrazas.

Sinalou tamén o traballo que está a desenvolver a Concellería de Comercio no apoio das pequenas e mediadas empresas, como a posta en marcha da campaña de dinamización do comercio vigués. Ademais, salientou o Plan de Competencia Turística, que en breve será presentado á Xunta e subliñou o feito de que en Vigo xa se empeza a escoitar a frase referida ao Casco Vello de que "parece que desta vai", porque o Consorcio conta co maior orzamento da súa historia, o cal posibilitará que a finais do 2009 esté en disposición de rehabilitar 200 vivendas. Para explicar as acción de goberno de cada unha das Concellerías deu paso a cada un dos seus responsables. Así, a primeira en dar conta foi a Concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, quen subliñou a posta en marcha de medidas para poñer en valor o patrimonio vigués.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou que por primeira vez Vigo ten unha programación municipal estable de teatro, a estructuración dos museos da cidade e a reestructuración da programación de festas da cidade, entre outras iniciativas, así como que Vigo sexa xa un referente dos grandes concertos. Iolanda Veloso, concelleira de Igualdade, Xuventude e Normalización Lingüística, salientou a posta ao día dos programas dos seus departamentos, "xa que funcionaban dun xeito un tanto burocrático", polo que se marcou como obxectivo aproveitar os movementos sociais e as súas aportacións, ben na convocatoria do Consello Local da Muller ou na actualización do programa Noites Vivas. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, pola súa banda, asegurou que está acadando resultados satisfactorios no seu proxecto de estender a práctica deportiva a toda a cidadanía, como quedou plasmado na reunión de toda a xente do deporte que se celebrou hai uns meses e na que todos coincidiron en que este ten que ser unha das prioridades fundamentais da Concellería. Ao respecto mencionou como exemplo os programas Corre con Vigo e Camiña e coñece. Finalmente, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou que o primeiro que tivo que facer ao iniciar o traballo de goberno foi iniciar "a programación e a planificación" da Concellería co obxectivo de cumprir o seu obxectivo de estender a calidade de vida a toda a cidadanía, pero fundamentalmente ás persoas maiores, ás persoas con discapacidades e ás persoas inmigrantes. Ademais, deu conta da construcción dunha nova galescola, na rúa Palencia, e de dous novos centros de día, un xa en funcionamento.



Descargar todas as imaxes

Máis información