Escoitar

María Méndez anuncia a ampliación do Programa de Avellentamento Activo a cinco novas entidades viguesas

A concelleira de Benestar Social, a María Méndez, anunciou este martes a ampliación do Programa de Avellantamento Activo a cinco novas entidades viguesas no mes de setembro co obxectivo de estender esta iniciativa ao "maior número posible de parroquias e barrios da cidade". María Méndez así o afirmou durante a visita que esta mañá realizou ao pavillón das Travesas, onde se estaba desenvolvendo un dos cursos que forman parte do programa, neste caso de ximnasia e recoñecemento médico.

martes, 17 xuñ 2008
1213708842visitatravesas.jpg
"Cando o BNG chegou ao Goberno municipal, os cursos de Benestar Social desenvolvíanse durante dous ou tres meses de xeito centralizado no centro da cidade, mentres que a xente dos barrios e das parroquias non contaba cunha programación na que poder participar", explicou a edil, quen subliñou que dende a Concellería de Benestar Social viuse a necesidade de acadar dous obxectivos: desenvolver unha programación estable durante todo o ano e chegar ás parroquias. Así, a programación comezou xa no Casco Vello, Cruz Vermella, a Escola Municipal de Danza, no pavillón de As Travesas, e nas asociacións de veciños de Coruxo, Candeán, Monte da Mina, Valladares e San Miguel de Oia. Pero a partir de setembro novas asociacións se unirán á proposta, de xeito que aumentarán o número de actividades programadas, centradas especialmente no eido cultural. Así, ademais dos obradoiros de memoria, ximnasia, baile, natación ou musicoterapia, ofertaranse viaxes, visitas a museos, ao cine e ao teatro. "Os poderes públicos temos a obriga de desenvolver as medidas oportunas que permitan á cidadanía gozar dos máximos niveis de benestar a través duns servizos sociais públicos de calidade", subliñou María Méndez.

María Méndez salientou que esta iniciativa da Concellería de Benestar Social ten o obxectivo de "converter aos nosos maiores en protagonistas activos desta etapa da súa vida, establecendo as condicións precisas que garantan o seu benestar", e a o seu xuízo pon de manifesto a importancia que para o BNG ten a mellora da calidade de vida das persoas. Durante a visita que realizou ao pavillón das Travesas, que se enmarca na rolda de visitas que a edil nacionalista está a realizar ás distintas entidades que desenvolven o Programa de Avellentamento Activo, indicou que nesta programación participan xa máis de mil persoas.
Descargar todas as imaxes