Escoitar

O tenente de alcalde avanza que os orzamentos de 2010 incluirán un parque polideportivo aberto en Lavadores

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres a creación dun parque polideportivo aberto en Lavadores, nos terreos anexos ao espazo no que se está construindo a piscina e con cargo aos orzamentos do 2010. Tras a xuntanza que mantivo coa directiva da Asociación Veciñal e representantes de diversos colectivos do barrio, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o nacionalista subliñou que o acondicionamento desta nova infraestructura deportiva "sirve para dar resposta a unha vella demanda da veciñanza".

venres, 9 out 2009
Santi Domínguez subliñou que nesta nova dotación deportiva aberto "non se construirán edificacións", co obxectivo de manter o "respecto polo contorno". Explicou asemade que se destinará á práctica de deportes tradicionais, como a petanca, de raqueta, como o tenis e o pádel, baloncesto e fútbol sala. Ademais, esta infraestrutura contará tamén cun sendeiro perimetral que permitirá o seu percorrido en bicicleta. "O primeiro paso agora é facer un estudo para cuantificar o proxecto", afirmou no transcurso da visita ao terreo.

O tenente de alcalde anunciou tamén o seu compromiso de levar a cabo o arranxo o das pistas deportivas ubicadas no recinto da Asociación Veciñal. "Destinaremos unha partida nos orzamentos do vindeiro exercicio para arregalas", asegurou. Tras comprobar in situ o estado da pista, Santi Domínguez especificou que a actuación neste espazo incluirá o arranxo do pavimento, a colocación do peche perimetral e do alumeado.

"A creación do polideportivo aberto e o arranxo da pista da asociación son dúas actuacións prioritarias para Tenencia de Alcaldía e para a Concellería de Deportes", asegurou o nacionalista tras percorrer os distintos puntos do barrio. Ao seu xuízo, representan unha "aposta clara polas entidades deportivas e culturais do barrio, pero sen vender fume". Finalmente, o tenente de alcalde expresou a súa vontade de "manter todas as xuntanzas que fagan falta para tratar todas e cada unha as inquedanzas e necesidades da veciñanza".

O concelleiro de Deportes, na súa intervención, salientou que a visita realizada hoxe ao barrio de Lavadores significa a "vontade política clara" de satisfacer as demandas do barrio e asemade concordou co tenente de alcalde na súa vontade de manter as reunións pertinentes para escoitar aos veciños e veciñas de Lavadores.

O presidente da Asociación Veciñal de Lavadores, Eduardo Fernández, agradeceu ao tenente de alcalde e ao concelleiro de Deportes a súa visita ao barrio. Asemade agradeceulles a oportunidade de manter con eles unha xuntanza na que os representantes dos diversos colectivos do barrio tiveran a oportunidade de expresar as súas inquedanzas e "sobre todo de poder escoitar o anuncio de dúas actuacións en materia deportiva fundamentais para Lavadores".