Escoitar

Chus Lago presenta a cuarta edición do "Vigo Camiño a Camiño", con novas actividades de educación ambiental

A Concellería de Medioambiente inicia a próxima semana os percorridos do programa "Vigo Camiño a Camiño", que na pasada edición reuníu a un total de 4.000 persoas. Lago indicou que retomaranse as rutas máis demandadas, como a das Illas Cíes, e ampliarase a información ambiental coa identificación de especies invasoras e a presenza de micólogos. 13 rutas que contarán con 40 profesionais da oceanografía, bioloxía e forestal, entre outros.

xoves, 8 out 2009
1255006945camino.jpg
A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou este xoves a cuarta edición do "Vigo Camiño a Camiño", que amplía as rutas e incorpora novas actividades de información e educación medioambiental.

A partir da próxima semana, previa inscripción gratuita no 010, iníciase a primeira das 13 rutas que compoñen esta nova etapa do programa de Medioambiente, que conxuga os anteriores máis demandados -como o do Galiñeiro ou as visitas as Illas Cíes- con novos percorridos como a ruta Mareal Alcabre Canido.

Outra novidade será a presenza de micólogos nunha das actividades da iniciativa, que ensinarán aos participantes a identificar e respectar os fungos e cogomelos dos bosques, pero que non serán retirados, segundo afirmou Chus Lago.

A concelleira socialista reiterou que toda a información sobre o "Camiño a Camiño" estará dispoñible para os usuarios na web do Concello de Vigo (www.vigo.org), no apartado de Medioambiente, que desta volta incorporará un deseño descargable de cadernos de campo para que os cidadáns poidan imprimilo nas súas casas e rexistrar toda a información que consideren das rutas.

Chus Lago asegurou que o éxito desta iniciativa, da que en cada edición veñen participando unha media de 4.000 persoas, radica "na profesionalidade da actividade", acadada coa presenza dun equipo humano de 40 expertos en oceanografía, bioloxía, ciencias forestais e socorrismo, entre outros.

O "Vigo Camiño a Camiño" concluirá nesta cuarta edición a finais de decembro cunha exposición multimedia das trece rutas que a compoñen para celebrar asemade o segundo aniversario desta actividade.
Descargar todas as imaxes

Máis información