Escoitar

Educación do Concello de Vigo pon en marcha o novo programa formativo da Escola Municipal de Teatro<br />

A Escola Municipal de teatro de Vigo abre o seu prazo de matrícula ata o vindeiro 16 de outubro para o curso escolar 2009/2010, e as solicitudes poden presentarse directamente nas dependencias do Servizo Municipal de Educación.A oferta didáctico teatral é variada, aberta a persoas de 6 anos en diante, e atende a todos os colectivos con inquedanzas artísticas.

xoves, 8 out 2009
A práctica teatral no tempo libre constitúe un medio privilexiado para proporcionar experiencias de ocio. Esta relación entre teatro e ocio pode xerar, elementos de transformación e innovación, pois contén a potencialidade de servir de espazo de afirmación e de desenvolvemento de cada persoa e do colectivo no que se insire.

Hoxe, Vigo é unha gran cidade con persoas de todas as idades que manifestan o seu interese polo mundo do teatro e polos beneficios que a práctica deste tipo de actividade lles pode achegar. A Escola Municipal de Teatro pretende cubrir as inquietudes artísticas dos que, por motivos laborais, de estudo ou persoais, non poden ou non queren profesionalizarse, senón que buscan un achegamento a este mundo.

O Programa de formación teatral permanente que engloba aspectos básicos das ensinanzas dramático-teatrais é o eixe fundamental da EMT. Este programa ofrece unha formación básica teatral estruturada a todas aquelas persoas, que queiran experimentar o feito teatral por primeira vez.
A nova oferta educativa contén ciclos formativos orientados a nenos/as dende os 6 ata os 14 anos, con catro niveis de idades diferentes. Os mozos/as de 15 e 16 anos poderán introducirse no mundo do teatro cun curso de Iniciación as técnicas teatrais adaptado a súas características. Para os adultos/as ofrécese un ciclo formativo composto por dous anos cunhas ensinanzas teatrais de carácter teórico-práctico.

Ademais do programa de formación teatral permanente, a EMT abre "O Punto teatral bilingüe (galego-inglés)": este é un espazo de encontro de nenos/as e mozos/as, onde se impartirán cursos de diferentes áreas teatrais utilizando alternativamente a lingua galega e a lingua inglesa. A súa posta en marcha posibilitará a práctica dos coñecementos adquiridos na materia de inglés que desenvolven nas súas escolas, e achegarse ao mesmo tempo ao mundo do teatro dun xeito activo e dinámico.