Escoitar

Xabier Alonso insta á Xunta a cumprir o convenio co Concello de Vigo e reformar as pistas de atletismo

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, demandou hoxe á Xunta que cumpra os seus compromisos con Vigo e inicie a reforma integral das pistas de atletismo. O concelleiro afirmou que esta reforma está contemplada nun convenio entre o Concello de Vigo e a Xunta, polo que a administración local asumía a construción dun polideportivo en Candeán e a autonómica comprometíase a facer unha reforma integral das pistas de atletismo de Balaídos.<br />

xoves, 8 out 2009
1255006548atletismo.jpg
Xabier Alonso expresou o seu temor de que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta non leve a cabo esta actuación, tras as declaracións efectuadas recentemente por José Ramón Lete ao respecto. O concelleiro de Deportes sinalou que tras o cambio de goberno na Xunta mantivo unha xuntanza co actual secretario xeral para o Deporte, a quen lle explicou o contido do convenio e lle facilitou unha copia de diversos apartados. "Nalquel momento, Lete solicitou tempo para revisar os investimentos da Xunta", lembrou Alonso, para quen "non pode ser que a Xunta non cumpra a súa parte do convenio cando o Concello si está a cumprir a súa parte". Neste sentido, indicou que o proxecto do pavillón de Candeán, que terá un investimento de algo máis de 2 millóns de euros, está en fase de licitación.

O edil do BNG considerou inadmisible ter que suspender os adestramentos cando chove e que os atletas non poidan ducharse por falta de auga quente. Segundo Xabier Alonso "as únicas reformas que se teñen feito nestas instalacións as decidiu este concelleiro de Deportes". O nacionalista subliñou que "hai unha historia do atletismo vigués e galego e a Xunta e o PP teñen que terlle recoñecemento".

Un dos argumentos que deu o director xeral para eludir o cumprimento do convenio era que a Xunta non podía facer fronte aos 5 millóns de euros aos que ascende a reforma. "Se o secretario xeral analiza o convenio comprobará que isto no é así, porque establece que o investimento se fará por fases", asegurou. Ao respecto, indicou que o convenio establece unha anualidade de 200.000 euros para 2009, de 1 millón de euros no 2010, 1.500.000 correspondentes ao 2011 e 2.143.00 para o 2012, que sumados ascenden á cantidade total de 4.903.000 euros.

Porén Xabier Alonso afirnou que seguirá tendo "talante dialogante e aberto para solucionar os problemas", pero asegurou que non se pode admitir que as administracións cambien de criterio polo cambio de cor política. "A Xunta e o PP non asumen que as administracións están por riba dos partidos políticos", sinalou polo que ao seu xuízo, "a Xunta e a Secretaría Xeral para o Deporte teñen que respectar o acardo entre administracións e están obrigadas a cumprir con Vigo".
Descargar todas as imaxes