Escoitar

O tenente de alcalde comprométese en Teis a seguir apoiando proxectos "para saldar a débeda con este barrio"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou hoxe a súa disposición a estudar a posta en marcha de novos proxectos en Teis, barrio que percorreu esta tarde seguindo coa rolda de visitas que está a desenvolver polos diferentes barrios e parroquias da cidade. O nacionalista comprometeuse a continuar colaborando coas diferentes entidades da zona para "tratar de saldar á debeda que a cidade ten con este barrio".

mércores, 7 out 2009
Santi Domínguez recoñeceu que Teis foi durante moitos anos unha zona "esquecida" e é preciso unha aposta decidida por un dos barrio senlleiros de Vigo. A este respecto, salientou os traballos de humanización que se están a realizar, unha vella demanda da veciñanza e que vab a contribuir decididamente a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. "Traballei durante moitos anos en Teis e coñezo ben as necesidades deste barrio. Desde o Goberno municipal estamos empezando a dar resposta, pero sen dúbida aínda hai moito traballo por facer", sinalou.

O tenente de alcalde considera fundamental continuar avanzando nos proxectos de humanización, na mellora das infraestruturas, nomeadamente na posta a disposición da xente de Teis das dotacións deportivas da ETEA, así como no apoio aos colectivos, que desenvolven unha intensa labor de dinamización social.

A visita que Santi Domínguez realizou hoxe ao barrio de Teis iniciouse no Centro Cívico do Casco Vello, entidade coa que a Tenencia de Alcaldía colabora en diferentes iniciativas. O tenente de alcalde tamén acudíu a Asociación de Veciños de Teis e mantivo un encontro con representantes do Plan Comunitario de Teis.