Escoitar

Vigo acollerá a primeira edición do Campionato de Europa Sub 21 de Taekwondo do 6 ao 8 de novembro

O pavillón de As Travesas será o escenario do 6 ao 8 de novembro da primeira edición do Campionato de Europa da categoría Sub 21 de Taekwondo. Na presentación da proba, o tenente de alcalde Santi Domínguez destacou a importancia de que Vigo acolla probas como esta non só porque supoñen o apoio ao deporte de base de xeito que os deportistas contan con referentes aos que poder chegar, senón tamén porque promocionan Vigo "como cidade vencellada ao deporte".

martes, 6 out 2009
1254836112taekwondo.jpg
O tenente de alcalde salientou asemade a importancia da colaboración entre as diferentes institucións, algo que ao seu xuízo "dende o Concello de Vigo sempre tivemos moi claro". "Non hai cores políticas cando se trata de apoiar ao deporte", afirmou na presentación, na que tamén participou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o presidente da Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos e a presidenta da Federación Galega, Mercé Barrientos.

O tenente de alcalde felicitou ás autoridades pola súa aposta por Vigo e a Federación Española e á Galega "pola idea de crear o campionato sub 21" e superar así o salto existente entre a categoría junior e absoluta. Sen ter aínda pechado o prazo de inscrición, son xa dezaseis as seleccións inscritas, polo que se espera un alto grado de participación no campionato. Os países que xa enviaron a documentación, ademais da Federación española, son Alemaña, Andorra, Armenia, Bielorrusia, Eslovenia, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Letonia, Luxemburgo, Portugal, Rusia, Suecia e Xeorxia.

A competición celebrarase durante os tres días no pavillón de As Travesas en horario de mañá e tarde e as localidades están á venda a través da páxina web do campionato (www.vigo09tkd.com) ou da de Servinova (www.servinova.com), ao prezo de 12 euros por día, aínda que tamén se pode adquirir o abono para os tres días, que ten un prezo de 28 euros.
Descargar todas as imaxes