Escoitar

O alcalde e a ministra de Medio Ambiente visitaron Conxemar, referente mundial do conxelado

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a ministra de Medio Ambiente, Rural e Marino, Elena Espinosa, acudiron este mércores ao IFEVI a visitar a XI Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados Conxemar, que se celebra en Vigo do 6 ao 8 de outubro, e reúne a un total de 536 expositores procedentes de 32 países de todo o mundo.

mércores, 7 out 2009
1254929439conxemar.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a ministra de Medio Ambiente, Rural e Marino, Elena Espinosa, visitaron este mércores os stands de Conxemar, a XI Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados, referente mundial do sector.

A Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados Conxemar consolídase un ano máis como unha das citas obrigadas para o sector do conxelado a nivel mundial. A súa XI edición, que se celebra do 6 ao 8 de outubro no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), reune a un total de 536 expositores procedentes de 32 países de todo o mundo.

Corea, Chile e India, entre os novos expositores
Países con peso específico no sector dos produtos do mar como Chile se estrean con pavillón propio nesta undécima edición. India, Corea, Irlanda ou Tunisia son outros dos que participan por primeira vez na feira mundial que se celebra en Vigo.

Presenza internacional
A feira reforza en 2009 a presenza de organismos internacionais. Das 30 entidades oficiais que participan na XI edición, case 20 son estranxeiras, o que supón un aumento do 12% con respecto ás cifras de 2008. Por outra banda, a proporción de empresas estranxeiras mantense con respecto ao ano pasado.

China incrementa un 66% o seu número de expositores
Países como China ou Alemaña incrementan este ano un 66% o seu número de expositores presentes en Conxemar. Portugal, Suíza e Mauritania son outros dos países que incrementan a súa presenza.

O 100% do espazo expositivo cubriuse
Conxemar non conta este ano coa carpa adicional de 2.200 metros cadrados que foi instalada a pasada edición para aumentar o espazo expositivo, polo que este ano suma 31.500 metros cadrados brutos, que foron cubertos ao 100%.

Neste contexto de redución de espazo e de crise financeira mundial, o número de expositores totais en 2009 (536) supón unha cifra positiva que mantén a Conxemar entra as tres primeiras feiras do mundo. Conxemar 2009 espera revalidar o número de visitantes do pasado ano.

Congreso sobre conxelado e tendencias de consumo
O día 5 de outubro, día previo ao arranque da feira, Conxemar celebrou no Centro Social Caixanova o Congreso Internacional "Produtos do Mar Conxelados e Tendencias de Consumo".

Destacados expertos e representantes das principais cadeas de distribución, nacionais e internacionais, deron a súa visión acerca da situación do mercado do conxelado e a súa evolución. Máis de 300 profesionais estiveron acreditados para asistir a esta xornada técnica clausurada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Descargar todas as imaxes