Escoitar

Santi Domínguez anuncia a transformación do chalé de Mirambel en centro de información e atención a visitantes

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres o investimento de 550.000 euros no proxecto de rehabilitación do antigo chalé de Mirambel para transformalo no centro de atención de visitantes da Vila Romana de Toralla. Na presentación, na que tamén participaron o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o tenente de alcalde afirmou que a actuación tamén contempla a rehabilitación do contorno seguindo criterios medio ambientais e de accesibilidade.

venres, 9 out 2009
1255092371toralla.jpg
Santi Domínguez sinalou que o prazo de execución do proxecto, que se incluirá nos investimentos do Plan E para 2010, é de 8 meses dende a adxudicación á empresa. Explicou que este proxecto completa o xacemento arqueolóxico de Toralla, posto en marcha pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico o pasado anol e polo que xa pasaron máis de 12.000 visitantes. "Era necesario un centro onde os visitantes atoparan información exhaustiva sobre o xacemento e un lugar que tamén sirva para dar a coñecer o patrimonio e a historia da cidade", sinalou.

O proxecto contempla o mantemento do actual espazo que ocupa o edificio, minimizando o seu impacto visual e medio ambientais. Ao respecto, Eudosio Álvarez, en resposta aos medios, indicou que as diferenzas coa Dirección Xeral de Costas estaban solventadas porque mentres o proxecto anterior sobredimensionaba o edificio, o actual mantén a edificabilidade inicial. "Polas negociacións que estamos mantendo cremos que non haberá ningún problema con este modelo de rehabilitación", manifestou o concelleiro de Patrimonio Histórico.


A rehabilitación inclúe a adecuación das dúas prantas do edificio. No baixo instalarase o vestíbulo, unha zona de información e unha área expositiva, na primeira, pola súa banda, ampliarase a zona expositiva e contará asemade cunha terraza miradoiro. "Pero a rehabilitación cumprirá tamén con outro obxectivo, que é a humanización do contorno", afirmou o tenente de alcalde. Neste sentido, o proxecto inclúe a mellora do contorno da praia e a mellora da súa accesibilidade. Mediante o aproveitamento da edificación existente e a urbanización da parcela contigua á excavación, a totalidade da parcela na que ubica o xacemento constituirá un referente do patrimonio arqueolóxico da cidade.
Descargar todas as imaxes