martes, 29 set 2015
O alcalde anunciou este martes que a policía, os bombeiros e protección civil de Vigo formarán parte da rede pública de comunicación de emerxencias e seguridade da nosa comunidade. Trátase dun sistema de chamamentos que, con tecnoloxía de última xeración, ofrece unha cobertura do 100% na cidade e mellora de forma notable a capacidade de actuación e resposta nas situacións de urxencia.
martes, 22 set 2015
Abel Caballero desexou sorte esta mañá de martes aos 15 axentes da Policía Local que competirán os próximos mércores e xoves no Campionato de España de fútbol 7 para forzas de seguridade, emerxencias e forzas armadas 2015. O torneo se celebrará na localidade madrileña de Pinto.
luns, 21 set 2015
Coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, o alcalde inaugurou unha exposición de vehículos eléctricos na Praza do Rei, onde deu a coñecer os proxectos do seu goberno para a construción de catro carrís bici que permitirán cruzar Vigo. Ademais, anunciou que mañá martes, Día Europeo sen Coches, os autobuses que van ao Hospital Álvaro Cunqueiro serán gratuítos para todos os usuarios.
mércores, 2 set 2015
O alcalde reuniuse este mércores con representantes do colectivo de taxistas de Vigo que lle amosaron o seu malestar polas condicións nas deben traballar no Álvaro Cunqueiro onde teñen as paradas situadas no soto sen boa visualización e onde non poden empregar a porta principal para deixar aos usuarios.
martes, 1 set 2015
Abel Caballero anunciou que co inicio de curso educativo tamén dá comezo o plan de tráfico para os colexios, con sinalización específica e prazas de aparcamento reservadas para deixar e recoller aos escolares, nos horarios de entrada e saída. O plan, testado no mes de xuño, ponse en marcha en setembro en 21 colexios e paulatinamente irán incorporándose o resto de centros.
luns, 31 ago 2015
O alcalde visitou esta mañá as instalacións do parque de bombeiros en Teis logo do remate das obras de mellora e ampliación nas que se investiron 1.364.000 euros, principalmente destinados ao sistema operativo dos vehículos e á adaptación da zona de descanso e vivencia ás necesidades do persoal.
mércores, 26 ago 2015
O alcalde fixo este mércores un primeiro balance do novo deseño de liñas de autobús urbano ao hospital de Beade, cinco rutas -dúas específicas e tres ampliacións de existentes- que comezaron a operar o luns cuns mil usuarios diarios e cumprimento das frecuencias e puntualidade ao 100%. Co planteamento municipal, os usuarios contan na Praza de América cun bus ao centro sanitario cada 15 minutos.
xoves, 13 ago 2015
O alcalde entregou esta mañá un camión de bombeiros ao rexedor de Ponteareas, Xosé Represas, no Parque Central de Santa Cristina. Este vehículo será substituído por outro camión dotado coa última tecnoloxía para o que o goberno local xa autorizou un gasto de 382.000 euros.
luns, 10 ago 2015
Desde a Praza de América sairán autobuses cara ao novo hospital cun intervalo de 15 minutos, coa remodelación do transporte público que ven de acometer o Concello para dar servizo ao novo hospital. Son catro as novas conexións que o goberno local implementou e que, tal e como explicou o rexedor, serán revisadas dentro de seis meses para estudar a evolución do transporte e realizar cambios, se fora preciso.
xoves, 16 xul 2015
A liña N3 do transporte urbano de Vigo, que estará operativa ata o próximo 5 de setembro, arranca hoxe e funcionará as noites dos venres e sábados cunha frecuencia de 60 minutos.