O alcalde reúnese co novo Comandante Naval de Vigo

venres, 25 mar 2022

Abel Caballero e Antonio Couce mantiveron este venres o seu primeiro encontro institucional no Concello, no que abordaron temas de interese da cidade e a situación actual de ambas institucións. Antonio Couce asume a responsabilidade da Comandancia Naval de Vigo, logo de ter estado no Mando Estratéxico de Transformación da OTAN en Norfolk, nos Estados Unidos.

O rexedor súmase ao “Non ás guerras” do Colexio Salesiano

venres, 25 mar 2022

Abel Caballero saudou este venres á comunidade educativa do Colexio Salesiano María Auxiliadora de Vigo que se desprazou á Praza do Rei para amosar o seu rexeitamento ás guerras que teñen lugar en diferentes partes do mundo. Diante duns 900 alumnos do centro, congregados ao redor dunha pancarta co lema “Non ás guerras”, o rexedor condenou, especialmente, a invasión asasina de Putin e trasladou o apoio e solidariedade da cidade ao pobo ucraíno.

A bandeira de Ucraína ondea no Concello de Vigo

mércores, 23 mar 2022

Desde este mércores, as cores azul e amarelo do emblema ucraíno locen á entrada da Casa Consistorial viguesa e acompañan ás bandeiras de Vigo, Galicia, España e Europa, en apoio ao pobo de Ucraína e contra a invasión perpetrada polos exércitos de Putin.

Marta Skyba, voz dos ucraínos en Vigo, pregoeira da festa da Reconquista

venres, 18 mar 2022

“Quero que sexa a voz das ucraínas e dos ucraínos na festa”, anunciou o alcalde este venres: “Este ano a Reconquista levará as cores da bandeira de Vigo e tamén as da bandeira de Ucraína”. Ademais, recibirán o galardón de Vigués Distinguido a Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, o arquitecto Alfonso Penela e a astrofísica Begoña Vila.

Vigo súmase á rede para a erradicación do VIH

xoves, 17 mar 2022

Coa adhesión ás Fast-Track Cities, o alcalde de Vigo subliñou a importancia de chegar ao 2030 cos obxectivos 95-95-95: 95% de persoas con VIH diagnosticadas; 95% en tratamento; 95% indetectables. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, fixou no ano 2030 a data para erradicar esta doenza como problema de saúde pública. No acto estiveron presentes as asociacións, entidades sociais e colectivos comprometidos co fin da enfermidade e o estigma.

Isabel Pardo de Vera recibirá a Medalla de Ouro da Cidade

xoves, 17 mar 2022

O alcalde anunciou que a distinción recae na secretaria de Estado, Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como “grande impulsora do transporte ferroviario desde Vigo”. Amais, deu a coñecer novos galardóns Vigueses Distinguidos: un ex aequo in memoriam e outro ex aequo para os centros de formación profesional de máis de cincuenta anos.