O alcalde destaca a “inmensa difusión” da proposta da cidade en Fitur
O Concello presentou este xoves en Fitur a proposta turística de Vigo para o ano 2025 baixo o lema “Vigo, cidade única no mundo”. Este ano “batemos récord e o próximo queremos bater máis”, adiantou Caballero.
O rexedor trasladou este venres a súa satisfacción pola “inmensa difusión” que está tendo a campaña de promoción turística que o goberno municipal vén de presentar en Fitur e quixo agradecer a colaboración das persoas que participaron nel: Rodolfo Irago, xornalista; Carlota Corredera, xornalista; Iván Sánchez, presidente da Asociación Hostalería de Vigo; Sara García, xornalista; Santiago Romero, produtor audiovisual; Pepe Solla, cociñeiro; Sergio Carreira, xogador do Celta e a científica Carlota Barañano.
Para Caballero “o turismo en Vigo ten a característica diferencial de ser unha actividade amable na recepción de quen nos visita e na forma de entendelo. Este ano o turismo foi especialmente amable, entendido como forma de interacción e afectos con quen nos visita. Isto dálle á cidade un rango distinto; somos unha das grandes cidades turísticas do mundo”, sinalou poñendo en valor a “pegada turística” da cidade que onte quedou reflectida durante a estadía na principal feira turística española.
Sobre a presentación de “Vigo, o estudio das mil historias”, tamén onte en Fitur, o alcalde destacou que Juan Manuel Guimeráns Rubio, o presidente da Spain Film Comission, durante a súa intervención, corroborou que a cidade é “un sitio excepcional para as rodaxes”.
Amais, agradeceu aos xornalistas presentes na rolda de prensa o seu traballo de difusión da proposta da cidade na Feira Internacional de Turismo.