Escoitar

As obras de humanización en 14 rúas de 10 parroquias comezarán este trimestre

O goberno municipal adxudicou este venres o segundo lote das novas obras de humanización programadas en parroquias de Vigo. “Contratamos as obras de 14 rúas de 10 parroquias”, explicou o alcalde ao anunciar que en marzo comezará a substitución do empedrado da rúa Doutor Cadaval por asfaltado pulido.

venres, 24 xan 2025

O Concello iniciará no primeiro trimestre de 2025 as obras de humanización de 14 rúas de 10 parroquias cun investimento de 1.144.000 euros, segundo anunciou hoxe o alcalde.

O rexedor detallou que as obras se levarán a cabo nas rúas Babio, de Matamá; Muíños, de Comesaña; Manuel Álvarez, Ríomao; Subride, de Lavadores; Fontaíña, de Cabral e Subride, de Lavadores. A estas súmanse as das estradas Venda de Beade, e Gándara de Valladares; así como a senda Monte da Serra en Sárdoma e os camiños Lagarella de Matamá, Devesa de Candeán e San Lorenzo en Coruxo. Tamén se humanizará a Avenida de Santa Mariña en Cabral. As melloras afectarán tanto ao pavimento da zona de tráfico como ás beirarrúas e as obras do aparcamento.

Obras en Doutor Cadaval

Caballero anunciou que na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a adxudicación do contrato das obras de pavimentación e humanización da rúa Doutor Cadaval. As obras conlevarán a substitución do “incómodo” empedrado por un novo pavimento. “Imos aplicar o criterio de Marqués de Valladares, García Olloqui e a Praza de Compostela, que ten un efecto estético ademais de non producir ningún ruído”, indicou o rexedor ao recalcar que se trata de “unha humanización 5.0”.

O alcalde lembrou que a rehumanización realizada nas rúas Marqués de Valladares, García Olloqui e Praza de Compostela, substituíu a unha anterior que era “sumamente deficiente”. A obra contará cun investimento de 74.000 euros, “cos que imos facer un firme completamente novo”.

PERI Montana

Caballero tamén sinalou que entre os acordos de hoxe tamén se atopa a aprobación definitiva dos Estatutos e Bases de Actuación do polígono único da Xunta de Compensación do PERI Montana, en Alcabre, ao que non se presentou ningunha alegación.

O proxecto desenvolverá un ámbito de 19.300 metros cadrados, dos que 5.200 dedicaranse a zonas verdes, parques, xardíns e áreas de xogo, que se situarán na mellor zona da parcela, fronte á Avenida da Atlántida. “O 27 por cento é dotacional, de libre utilización cidadá”, apuntou o alcalde. Ademais, 3.800 metros resérvanse para viarios; e o 30 por cento da edificación, un total de 1.920 metros, destínanse a vivenda protexida. Nos 4.400 metros para edificación libre construiranse 43 vivendas, así como 106 prazas de aparcamento, das que 20 serán de uso público.

“O proxecto ten unha característica reseñable porque a arquitectura ten que adaptarse á topografía e á paisaxe urbana da zona porque non queremos edificacións estridentes en ámbitos que teñen unha connotación rural-cidadá excepcional”, apuntou o alcalde.

 

Descargar todas as imaxes